Información Xeral

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza o foro «Autoritarismo e Liberdade» en Pontevedra no marco do seu 45 aniversario

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza o foro «Autoritarismo e Liberdade», que terá lugar o venres 30 de maio ás 19:00 horas no Salón Vermello do Pazo de Mugartegui, situado na Praza da Pedreira de Pontevedra. A entrada será libre ata completar aforo e está aberto ao público xeral.

Este evento enmárcase na celebración do 45 aniversario do COPG e forma parte dun ciclo de foros que pretenden abrir espazos para o intercambio de coñecementos sobre os retos da convivencia democrática na sociedade actual. O obxectivo é fomentar a reflexión crítica desde a psicoloxía e outras disciplinas arredor dos valores democráticos, a convivencia, a igualdade e a liberdade como piares fundamentais para a saúde mental e o benestar colectivo.

O foro contará coa participación de persoas expertas destacadas:

  • José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Academia da Psicoloxía de España.

  • María Xosé Agra Romero, catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de Santiago de Compostela

  • Xosé Hermida, xornalista e corresponsal parlamentario de El País.

A moderación correrá a cargo de Xabier Macías Virgós, psicólogo social, decano do COPG entre 1995 e 2002 e colexiado de honra do COPG.

O foro está dirixido ao público xeral e busca promover o diálogo arredor da importancia dos dereitos humanos, a democracia e a liberdade no contexto actual, marcado polo avance de ideoloxías e discursos que ameazan estes valores fundamentais.

Este evento é organizado polo COPG en colaboración co Concello de Pontevedra.