Este 11 de febreiro tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) a inauguración da exposición fotográfica organizada con motivo do 30º aniversario do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias).
A mostra recolle, a través dunha selección de imaxes, algúns dos momentos máis significativos da traxectoria deste grupo ao longo de tres décadas de traballo en Galicia. As fotografías permiten coñecer a evolución do GIPCE desde a súa creación en 1996, cando o COPG puxo en marcha o Grupo de Traballo sobre Protección Civil tras os movementos sísmicos rexistrados na zona de Triacastela, ata a súa consolidación como un servizo fundamental na atención psicolóxica en situacións de emerxencia en Galicia.
Durante estes 30 anos, o grupo realizou máis de 400 intervencións en contextos críticos, ofrecendo apoio psicolóxico ás persoas afectadas por catástrofes, accidentes ou outras situacións traumáticas. Ademais, grazas ao convenio coa Administración autonómica, o GIPCE garante a atención psicolóxica permanente a través do servizo de emerxencias 112.
A inauguración da exposición converteuse tamén nunha ocasión especialmente emotiva para recoñecer o compromiso e a dedicación das profesionais e profesionais da psicoloxía que formaron e forman parte do grupo. O encontro permitiu compartir lembranzas, experiencias e momentos significativos vividos ao longo destes anos de intervención e acompañamento en situacións de gran impacto emocional
Esta inauguración da exposición constitúe o primeiro dos actos programados polo COPG ao longo de 2026 para conmemorar o 30º aniversario do GIPCE e poñer en valor o labor das profesionais e profesionais da psicoloxía que forman parte deste dispositivo de intervención en emerxencias.
- Mª Rosa Álvarez Prada, decana do COPG; Ana Mª Núñez Rubines, coordinadora do GIPCE.
- Mª Rosa Álvarez Prada, decana do COPG; Ana Mª Núñez Rubines, coordinadora do GIPCE.


















