Información Xeral

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esixe a avaliación do Plan de Prevención do Suicidio

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) esixe que se dea cumprimento aos compromisos que se recollen no Plan de Prevención de Suicidio, que aprobou a Xunta de Galicia en 2017, do que a día de hoxe non se coñece unha avaliación anual das medidas executadas e, polo tanto, dos resultados da súa implantación. O 10 de setembro, Día Mundial para a Prevención do Suicidio, cómpre sinalar que para que este grave problema de saúde pública se reduza, son necesarias políticas públicas que dispoñan dos recursos precisos, insistindo en que o suicidio pode previrse.

Os últimos datos publicados polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) revelan que no 2022 faleceron por suicidio 340 persoas na comunidade, case unha cada día. Así, a taxa galega o ano pasado foi de 12,64 suicidios por cada 100.000 habitantes, sendo a media estatal de 8,6. Namentres, o deterioro nas condicións de vida, incluíndo o aumento de vulnerabilidade económica e a presión sobre o sistema sanitario, fai prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento se incrementen na poboación, especialmente nos colectivos máis vulnerables. Precisamente, o último informe do IMELGA chama a atención sobre a elevada porcentaxe de mortes por suicidio en maiores de 80 anos (17,3%), se ben o rango de idade máis afectado é o comprendido entre os 41 e os 60 anos (39,41%).

Segundo a Organización Mundial da Saúde, por cada suicidio consumado estímase que se producen 20 tentativas, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente en case 7.000 persoas na nosa Comunidade, unhas cifras que poden ofrecer unha aproximación da magnitude desta problemática.

Neste sentido, desde o COPG como profesionais da psicoloxía, reclámase unha aposta decidida pola prevención, dando cumprimento ao que se recolle no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia en cuestións como a investigación epidemiolóxica sobre a conduta suicida, así como a rendición de informes sobre o desenvolvemento de cada unha das 37 medidas recollidas no Plan. Se ben valoramos positivamente a posta en marcha da liña 024 de atención a conduta suicida, cómpre insistir en que esta non pretende substituír nin ser unha alternativa á consulta presencial.

A atención psicolóxica en Atención Primaria é unha das medidas eficaces para a prevención da conduta suicida, motivo polo cal existen as Unidades de Prevención de Suicidio, mais non coñecemos a eficacia que supuxo a súa posta en marcha con respecto ao período no que non estaban implantadas. Tampouco temos cifras para avaliar os seus resultados e se resultan suficientes ou sería necesario aumentar a capacidade de atención.

Alén, esta atención supón unha prevención terciaria, sendo fundamental a prevención universal. Así, sinalamos que é necesaria unha coordinación entre as distintas institucións, sendo imprescindible reforzar a presenza de psicólogos e psicólogas nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén nos centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e nos servizos sociais comunitarios dos concellos.

 

Spread the love