Destacado

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entrega os seus premios institucionais no «Achegas da Psicoloxía»

O Movemento Galego da Saúde Mental recibiu este venres 20 de maio o máis significativo galardón que concede o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o premio Dolores LlópizPsicoloxía e Sociedade. A entrega celebrouse no Pazo de Rianxiño, en Rianxo, no marco do acto “Achegas da Psicoloxía”, no que o Colexio fixo entrega dos seus premios e distincións.

Rosa Cerqueiro, voceira do MGSM, recolle o premio Dolores Llópiz, Psicoloxía e Sociedade, por parte da decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada.

O Premio Dolores Llópiz é o máximo galardón que entrega o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que pretende distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno do COPG acordou outorgarllo ao Movemento Galego da Saúde Mental, polo seu compromiso co coidado da saúde mental da comunidade e a defensa dos dereitos á atención nos servizos públicos.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, deu a benvida ao acto no que puxo de relevo a importancia do coidado da saúde mental, especialmente coa responsabilidade no público. A decana do COPG agrade  Previamente á entrega do acto, impartiuse unha conferencia, co título «Saúde mental: dereitos e dignidade», por Rosa Cerqueiro e Miguel Vieito, do Movemento Galego da Saúde Mental. Tamén se fixo entrega o recoñecemento aos colexiados e colexiadas que levan 25 anos formando parte do COPG.

Colexiada de Honra

María Isabel Pereira Calviño, no Achegas da Psicoloxía

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entregou tamén a distinción especial de Colexiada de Honra á psicóloga María Isabel Pereira Calviño. Con esta significación pretende recoñecerse a extraordinaria entrega persoal dos seus colexiados e colexiadas tanto á institución como ao desenvolvemento da profesión da Psicoloxía en Galicia. Especialmente significativo o seu papel na organización colexial, participando ao longo de todo este tempo en distintas responsabilidades, como foi secretaria da Xunta Reitora do que se denominaba Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Psicólogos entre 1986 e 1989, para despois ser Vicepresidenta entre 1989 e 1995.

Ademais, foi presidenta da Comisión Deontolóxica do COPG entre 1997 e 2005 e formou parte da Comisión Xestora que impulsou a creación da Sección de Psicoloxía Clínica, entre outras responsabilidades.

Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira

No “Achegas da Psicoloxía” fíxose entrega da primeira edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88. Na categoría do premio xornalístico foi premiada a reportaxe de Ana González Liste publicada no xornal online Praza “O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto pendente para despois da pandemia”, pola súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos.

Así mesmo, estimou outorgar unha mención á entrevista “Cuando alguien tenga ideas de suicidio que acuda al médico, que no espere”, publicada por Selina Otero no Faro de Vigo, a profesionais da Unidade de Prevención do Suicidio de Vigo, poñendo en valor o papel da psicoloxía e deste tipo de dispositivos para previr este grave problema de saúde pública.

De esq. a dta: Manuela del Palacio, Selina Otero, Victoria Canosa e Ana G. Liste, as galardonadas cos I Premios de Comunicación do COPG Xoán Vicente Viqueira.

Na categoría do premio de Comunicación, o xurado estimou o blog “Nunca es tarde para sentirse mejor” como a proposta gañadora, presentada pola psicóloga Victoria Canosa, un traballo continuado de divulgación da psicoloxía, de promoción da saúde, desde a responsabilidade e a vocación de servizo público. Tamén acordou destacar a candidatura de Manuela del Palacio, destacando a entrevista emitida na Radio Galega “A orientadora Manuela del Palacio salienta a necesidade de ensinar aos cativos a seren resilientes”, polo seu exemplo divulgando o papel da Psicoloxía Educativa e os seus beneficios no coidado da saúde mental dos máis novos.

O Premio Xornalístico do COPG valora a contribución de xornalistas á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación, mentres que o Premio de Comunicación distingue a aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

Spread the love