Comisións

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia convoca a terceira edición dos seus Premios de Comunicación

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88, vén de convocar a terceira edición dos seus Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación. De acordo coas bases, están contempladas dúas categorías, dotadas con 2.000 euros cada unha delas.

A primeira é o Premio Xornalístico do COPG, ao que poderán concorrer os e as xornalistas que publicasen ou emitisen algún traballo en relación coa Psicoloxía, a nivel individual ou grupal, en calquera formato, no que se valorará a contribución á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación.

Pola outra banda, poderán optar ao Premio de Comunicación aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

Os traballos deberán ter sido publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, e o prazo de presentación estará aberto ata o 28 de febreiro de 2024. As persoas autoras poden presentar ata tres propostas, e o fallo do xurado darase a coñecer durante o mes de abril.

Spread the love