Destacado

Non a violencia de xénero
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena o asasinato machista cometido en Baiona

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa máis rotunda condena ao asasinato cometido este domingo en Baiona investigado como violencia de xénero, ao tempo que desexa trasladar a súa solidariedade e as súas condolencias á familia e ás persoas achegadas da vítima.

Desde este Colexio reitérase o total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra as mulleres. É fundamental que como sociedade, especialmente os seus responsables da Administración, contribuamos a poñer fin a este grave problema social e, neste sentido, é imprescindible que se apliquen políticas de apoio e de protección integral ás vítimas da violencia machista.

A prevención é o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e así desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan o maltrato ás mulleres. Desde a psicoloxía reclamamos unha maior incidencia nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica, especialmente nas idades máis temperás, para erradicar estereotipos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o asasinato cometido en Baiona.

Spread the love