Destacado

Non a violencia de xénero
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena o asasinato investigado como violencia de xénero cometido en Oroso

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa máis rotunda condena e rexeitamento polo asasinato dunha muller cometido onte en Oroso (A Coruña) que está a ser investigado como violencia de xénero, á vez que desexa trasladar a súa solidariedade e condolencias á familia e persoas achegadas das vítimas.

De confirmarse este crime como violencia machista, este ano foron asasinadas 56 mulleres (tres delas en Galicia), máis dúas outras vítimas que están aínda a ser investigadas as circunstancias da morte, e 56 nenos, nenas e adolescentes quedaron en situación de orfandade. Desde o ano 2003, data desde a que se dispón de datos, foron 1.237 as mulleres asasinadas por Violencia de Xénero en España. Desde o 2013 foron asasinados por Violencia de Xénero de 51 nenos e nenas.

Desde a nosa institución reitérase o total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual, especialmente contra a muller. Toda a cidadanía, pero moi especialmente os seus responsables políticos, debe traballar para erradicar esta manifestación tan extrema da desigualdade entre homes e mulleres e, neste sentido, é imprescindible que se apliquen políticas de apoio e protección integral ás vítimas deste tipo de violencia. A prevención é o mecanismo real para poñer fin á violencia contra as mulleres co que desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan os malos tratos á muller.

Desde a Psicoloxía reclámase que se poña o foco nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica especialmente nas idades máis temperás, para erradicar prexuízos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o último asasinato por Violencia de Xénero perpetrado onte en Oroso.

Spread the love