Destacado

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebrou en A Coruña o II Foro «Autoritarismo e Liberdade» no marco do seu 45 aniversario

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizou, o pasado mércores 29 de outubro, o II foro «Autoritarismo e Liberdade». O acto tivo lugar na Fundación Paideia, situada en A Coruña.

Este encontro insírese na celebración do 45 aniversario do COPG e forma parte dun ciclo de foros que pretenden abrir espazos para o intercambio de coñecementos e reflexión sobre os retos da convivencia democrática na sociedade actual, así como sobre a defensa dos dereitos humanos como elemento esencial para a protección da saúde mental.

O foro contou coa participación de profesionais destacadas:
Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico no Hospital Clínico Universitario de Santiago e colexiado de honra do COPG.
Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora principal da Rede Armela.
Marta Otero Mayán, xornalista de La Opinión A Coruña.

A moderación correu a cargo de Xabier Macías Virgós, psicólogo social e colexiado de honra do COPG.

Durante o foro abordáronse cuestións de fondo sobre o avance das ideoloxías reaccionarias e de ultradereita, que ameazan os principios fundamentais da democracia e promoven discursos de exclusión, intolerancia e restrición de dereitos. As persoas participantes coincidiron na importancia de xerar espazos de reflexión e diálogo que fortalezcan o pensamento crítico e reafirmen os valores democráticos, de convivencia, igualdade e liberdade.

Xabier Macías Virgós, Alba Nogueira López, Hipólito Puente Carracedo, Marta Otero Mayán, Miguel Anxo García Álvarez.

No foro xurdiron ideas e análises sobre a democracia e o autoritarismo no contexto actual, marcados pola forte presenza das redes sociais, favorecendo tanto novas formas de participación cidadá como a expansión de discursos polarizadores. Tamén se abordou o avance de ideoloxías e narrativas que cuestionan os valores fundamentais da convivencia democrática, promovendo a exclusión, a intolerancia e a restrición de dereitos.

Durante o debate destacouse a importancia de crear espazos de diálogo e pensamento crítico que permitan fortalecer a cohesión social e reafirmar os principios de liberdade, igualdade e respecto; así como a necesidade xerar espazos de encontro que promovan a unión das persoas, a solidariedade e a acción colectiva como ferramentas para facer fronte á perda de dereitos e construír comunidade. A construción dos discursos, os detinatarios e o impacto que estes teñen nas condutas e valores foi un dos puntos centrais da reflexión.