Destacado

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra o seu acto “Achegas da Psicoloxía”

O venres 7 de xuño tivo lugar a Gala da Psicoloxía Galega 2024 “Achegas da Psicoloxía” no Pazo do Mosteiro (Tomiño, Pontevedra), que supuxo, como cada ano, un encontro para os profesionais: unha celebración da profesión e unha oportunidade de reiterar a importancia do papel que cumpre a psicoloxía en todos os eidos da sociedade.

Este ano, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia concedeu o galardón Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade, co obxectivo distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión; á futbolista profesional Verónica Boquete, polo seu lonxevo compromiso coa igualdade desde o deporte, así como pola posta en valor da psicoloxía neste ámbito e en xeral na sociedade, reivindicando vencer os tabús que rodean os problemas da saúde mental e o acceso a unha atención profesional.

Sandra González Álvarez, Alcaldesa de Tomiño

 

Fíxose entrega, así mesmo, da distinción especial de Colexiado de honra a Xabier Macías Virgós, recoñecemento que se entrega a un colexiado ou colexiada para recoñecer a extraordinaria entrega persoal tanto á institución como ao desenvolvemento da profesión da Psicoloxía en Galicia, así como lembrar o legado que recollen as persoas que hoxe exercen.

Xabier Macías Virgós, con número de colexiado G-1843, desde o 15 de decembro de 1992 ata o 14 de decembro de 1995 foi secretario da Xunta Rectora da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Psicólogos. Así, desde o 15 de decembro de 1995 ata o 15 de xuño de 2000 foi presidente da Xunta Rectora da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Psicólogos, para despois ser presidente da Comisión Xestora do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia ata o 15 de decembro do ano 2000.

Xabier foi o responsable da segregación do Colexio Estatal e constitución do Colexio autonómico e o 16 de decembro de 2000 celebrouse a Asemblea constituínte do novo Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia. Foi así como desde o 16 de decembro de 2000 ata o 20 de xullo de 2002 exerceu o seu labor de decano da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Tamén foi o primeiro coordinador do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), desde os seus inicios ata o ano 2002. Desde outubro de 2016 ata o 2017 foi titular do servizo de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas polos mesmos co Concello de Santiago de Compostela. Xabier foi membro da Comisión de Intrusismo e vogal da Área de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología.

Entrega do recoñecemento a Xabier Macías Virgós, Colexiado de Honra

 

Neste acto tivo lugar tamén a entrega dos recoñecementos a aquelas psicólogas e psicólogos que contribuíron á profesión desde os seus inicios a través do desenvolvemento do Colexio así como da defensa da psicoloxía. Son compañeiros e compañeiras que puxeron os cementos do Colexio, que entregaron tempo, coñecemento e implicación a construír e imaxinar a psicoloxía de hoxe e de mañá e como o Colexio podía servir mellor á sociedade e aos psicólogos e psicólogas galegas.

Colexiados e colexiadas recoñecidos pola súa traxectoria profesional

 

Posteriormente, o COPG entregou o seu habitual recoñecemento ás colexiadas e colexiados que suman 25 anos no Colexio, coa intención de visibilizar, celebrar e reivindicar o seu compromiso coa psicoloxía e a súa contribución á historia do Colexio.

Colexiados e colexiadas do que suman 25 anos no COPG

 

Por último, no “Achegas da Psicoloxía” fíxose entrega da III edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88, creados co obxectivo de recoñecer o labor de divulgación da psicoloxía desde o respecto pola evidencia científica.

Na categoría do Premio de Comunicación, o xurado estimou conceder o premio ao colexiado Antonio Rial Boubeta, polas súas diversas contribucións continuadas nos medios de comunicación poñendo en valor a psicoloxía.

Na categoría de Premio Xornalístico, o xurado estimou outorgar unha mención especial a Tamara Montero Barreiro pola súa peza Esto también es violencia machista: “Cheguei a pensar que estaba tola” publicada en La Voz de Galicia.

Así, o premio na categoría de Premio Xornalístico foi concedido ao xornalista Ángel Paniagua Pérez polo seu traballo La salud mental desborda la sanidad, publicado na Voz de Galicia.

III Edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira

 

 

Galería de fotos:

Spread the love