O pasado venres 6 de xuño celebrouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela a Gala da Psicoloxía Galega 2025 “Achegas da Psicoloxía”, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). O evento, xa consolidado como unha cita anual imprescindible para os e as profesionais da psicoloxía, serviu como espazo de encontro, celebración e posta en valor do papel fundamental que a psicoloxía desempeña en todos os ámbitos da sociedade.
Un dos momentos máis destacados da gala foi a entrega do galardón Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade, que nesta edición recoñeceu o pianista James Rhodes polo seu compromiso na sensibilización sobre os problemas de saúde mental, a protección dos dereitos da infancia e a defensa da accesibilidade á atención psicolóxica de xeito universal.

James Rhodes
Durante o acto, realizouse un emotivo recoñecemento ás e aos profesionais que, desde os primeiros momentos do Colexio, contribuíron á súa creación e desenvolvemento, entregando tempo e coñecemento para construír unha psicoloxía galega máis sólida, comprometida e ao servizo da sociedade.

Colexiados e colexiadas recoñecidos pola súa traxectoria profesional
Así mesmo, o COPG fixo entrega dos tradicionais recoñecementos ás persoas colexiadas que levan 25 anos no Colexio, como mostra de agradecemento pola súa traxectoria e compromiso coa profesión.

Colexiados e colexiadas do que suman 25 anos no COPG
Tamén se homenaxeou a Raquel Martínez Mosquera polo seu labor durante 25 anos nos servizos administrativos do Colexio, destacando a súa dedicación e contribución ao funcionamento da entidade.

Recoñecemento Raquel Martínez Mosquera
A gala acolleu tamén a entrega da IV edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que o COPG convoca en colaboración coa aseguradora Brokers’88, para distinguir traballos xornalísticos e de divulgación que contribúan a achegar a psicoloxía á cidadanía desde unha perspectiva rigorosa e baseada na evidencia científica.
Na categoría de Comunicación, o premio recaeu na psicóloga Gema Zunzunegui Lamas, polo seu artigo “Referentes para identificar. Espazos para nomear. Acompañamentos para curar”, publicado en Praza Pública.
Na categoría de Xornalismo, o xurado recoñeceu a reportaxe de Carmen Villar publicada no Faro de Vigo, “La comunidad sigue sin tocar techo en el uso de antidepresivos: un 52% más en 10 años”.
Ademais, outorgouse unha mención especial ao texto de Ana González Liste, tamén en Praza Pública, titulado “Menos recursos emocionais, máis autoesixencia: a mocidade pide referentes para abordar a saúde mental”.

IV Edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira
A Gala “Achegas da Psicoloxía” consolidouse un ano máis como unha mostra do compromiso do Colexio coa visibilización da psicoloxía e coa promoción dunha sociedade máis saudable, informada e xusta.
Galería de fotos: