O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asina un ano máis un convenio de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, e complementariamente a persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero, e atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.
Entre os anos 2009 e 2021 beneficiáronse deste programa case 10000 persoas: máis de 6000 mulleres e 2000 menores no Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (PAPMVX) e 1152 homes no programa de «Abramos o Círculo».
A través deste convenio, a Xunta de Galicia quere proporcionar ás vítimas de violencia de xénero recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación. A atención psicolóxica é fundamental para a recuperación para estas persoas.
A iniciativa enmarcase no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.