Destacado

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia aposta pola mediación para a resolución de conflitos

Este 21 de xaneiro, co gallo da conmemoración do Día Europeo da Mediación, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) desexa transmitir a aposta pola mediación como ferramenta útil para a resolución e xestión de conflitos. Coincidindo con este día, desde a Comisión de Mediación do COPG promoveuse a Xornada “Transformando o contexto educativo: o valor da mediación”, que tivo lugar o sábado 20 de xaneiro na Escola Galega de Administración Pública.

Xornada «Transformando o contexto educativo: o valor da mediación»

Foi impartido por Carme Boqué Torremorrell, mediadora especializada en mediación de conflitos, violencia escolar, cultura da paz, participación infantil, competencias socioemocionais e cidadanía. Tamén participaron docentes de centros educativos de Muros, Oleiros, Pontevedra e Negreira, que explicaron as súas respectivas experiencias.  Nesta xornada buscouse dar a coñecer boas prácticas de xestión de conflitos en centros educativos da nosa contorna, xerar un espazo para compartir recursos entre os distintos axentes da comunidade educativa, así como tamén achegar ferramentas e estratexias novidosas que axudan a mellorar a convivencia nos centros de ensino.

A mediación é unha ferramenta de grande utilidade social, que procura unha solución consensuada e satisfactoria para as partes implicadas nun conflito, ao tempo que axuda a aliviar o sobrecargado sistema xudicial. Desde o COPG defendemos a utilidade da mediación na sociedade en todo tipo de conflitos, ben sexa no ámbito familiar, penal, sanitario, empresarial, laboral ou das organizacións, por exemplo. De feito, as estatísticas sinalan que os acordos conseguidos a través da mediación perduran máis no tempo.

O COPG e a mediación 

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está recoñecido como Institución de Mediación polo Ministerio de Xustiza. O compromiso do COPG coa mediación está plasmado nos propios Estatutos da organización colexial, que foron modificados en 2013 para incorporar entre os seus fins “impulsar e desenvolver a mediación”, co fin de adaptarse á Directiva europea 2008/52/CE. A partir de aí, constituíuse ante o Ministerio de Xustiza como entidade de mediación e creou o Rexistro de Mediadores e Mediadoras.

Xa no ano 2000 se conformara no COPG a Comisión Intersectorial de Mediación, que agrupa a representantes dos distintos campos de traballo da Psicoloxía, como o xurídico, o educativo, o sanitario, o da intervención social ou o do traballo e as organizacións. Ademais, conta cun rexistro de mediadores e mediadoras colexiadas, onde calquera persoa pode atopar un profesional da psicoloxía coa titulación requirida para o exercicio da mediación.

Spread the love