O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) sumouse este domingo, 1 de febreiro, á multitudinaria manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública polas rúas de Santiago de Compostela. Baixo o lema central da defensa do sistema público de saúde, a institución colexial quixo poñer o foco na «precaria situación» que atravesa a atención psicolóxica no Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Como integrante activa da plataforma SOS Sanidade Pública, o COPG participou na convocatoria para denunciar o que consideran un abandono institucional da saúde mental. As principais demandas defendidas polo COPG en materia da atención psicolóxica como servizo público son:
- Aumento de prazas PIR, pola necesidade de ampliar as prazas de Psicólogo Interno Residente para garantir a remuda xeracional e o aumento de especialistas.
- Psicoloxía Clínica na Atención Primaria: A incorporación efectiva de profesionais da psicoloxía clínica nos centros de saúde para evitar a sobremedicalización de problemas da vida cotiá e reducir as inaceptables listas de agarda.
- Creación de servizos propios de Psicoloxía Clínica, que garanta a autonomía profesional.
