Comisións

O Colexio de Psicoloxía celebrou a inauguración da exposición da artista e psicóloga Encarna Álvarez Gallego

O pasado 11 de marzo ás 19:00 horas inaugurouse a mostra de pintura “A paisaxe que me acompaña” da artista e psicóloga colexiada Encarna Álvarez Gallego na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Na exposición puidéronse contemplar varias obras que recreaban paisaxes de tres lugares que marcaron a súa vida: a vila natal, Matadeón de los Oteros en León; Arzúa, o lugar onde reside actualmente; e Palmarin en Senegal, un destino ao que viaxa con frecuencia e que a inspira artisticamente.

As pezas, realizadas en óleo ou acrílico sobre teas núas e sen marco, buscaban resaltar o movemento e a sinxeleza do material empregado. Encarna Álvarez explicaba que esta técnica representaba “a futilidade do recordo, que non é algo fixo, estanco”. Ademais, a mostra incluía obras creadas con madeira procedente dos lugares que motivaron esta exposición.

Con máis de 30 anos de traxectoria artística, que compaxinou co exercicio da psicoloxía, Encarna Álvarez Gallego elaborou as obras de “A paisaxe que me acompaña” ao longo dos últimos tres anos, recompilando paisaxes e rostros que deixaron pegada na súa memoria e na súa creación.

A exposición permanece aberta ao público na sede do Colexio ata o 11 de abril de 2025, durante o seu horario habitual.