Destacado

O coidado da saúde mental centra unha campaña promovida polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña co apoio do Colexio de Psicoloxía

A saúde mental da poboación experimentou un empeoramento tras a pandemia, segundo o 98% dos farmacéuticos e farmacéuticas que participaron nunha enquisa promovida polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. Por iso, esta entidade, co apoio do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, lanzou unha nova campaña de sensibilización nas farmacias provincia, co obxectivo de visibilizar o coidado da saúde mental das persoas no contexto pospandemia.

De esquerda a dereita: Héctor Castro (COFC), Ana González (Fund. Salma) e Mª Rosa Álvarez (COPG).

A campaña foi presentada na sede do COFC na Coruña o martes 5 de abril, na que estiveron presentes Mª Rosa Álvarez Prada, decana do COPG; Héctor Castro Bernardino, presidente do COFC; e Ana González Novás, presidenta da Fundación para o Coidado da Saúde Mental en Galicia ( SALMA Galicia).

A decana do COPG apuntou que as farmacias son “un bo termómetro” sobre o estado da saúde mental das persoas, xa que son o primeiro punto ao que acoden as persoas e recollen as inquietudes psicolóxicas de moitas persoas. “Polo menos, un 20 por cento das persoas van experimentar algún destes problemas ao longo da súa vida”. Mª Rosa Álvarez alertou dos riscos de incremento das taxas de suicidio e de como afecta en nenos e persoas mozas as restricións nas condición de vida da pandemia, ao que se engade unha crise económica e unha guerra. Insistiu na necesidade de facilitar a atención psicolóxica á poboación, tanto no ámbito sanitario como noutros, nomeadamente no educativo, para protexer a saúde mental das persoas máis novas. “Namentres en Europa contan con 18 psicólogos/as por cada 100.000 habitantes, aquí a media está en 4”, polo que as persoas con menos recursos teñen máis dificultades para acceder a esta axuda.

Cartel da campaña

O presidente do COFC; Héctor Castro, sinalou algunhas das estratexias para tratar este problema desde a farmacia, que é o primeiro punto sanitario e o máis accesible ao cidadán. Tocan cuestións como a adherencia ao tratamento, o apoio, información e consello ao redor destas medicacións, as explicacións ao redor de efectos ou reaccións, a vixilancia e o seguimento  farmacoterapéutico ou a escoita activa e normalización desta enfermidade, que afecta a boa parte da poboación, e na que o apoio da contorna tanto social como familiar é fundamental.

A Fundación  Salma Galicia explicou que “necesitamos un modelo de xestión e unhas liñas claras en materia de saúde mental”, xa que este “é un tema de saúde pública”. O colectivo indica que as asociacións sempre van estar aí, pero ten que haber recursos públicos que permitan traballar en prevención e coordinación.

A campaña xa está presente nas farmacias nestes días a través de carteis informativos, bolsas e consellos difundidos a través das redes sociais.

Spread the love