Seccións

Novos Retos, Novas Solucións: I Encontro Interprofesional de RRHH en Galicia

Mañá, xoves 10 de outubro, terá lugar o I Encontro Interprofesional de Recursos Humanos, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia (ATA). Esta primeira edición terá lugar na Sede Afundación A Coruña, en Cantón Grande, e xirará en torno aos desafíos do liderado nun entorno laboral en constante transformación.

A área dos recursos humanos reúne a profesionais de diversos campos como, por exemplo, a psicoloxía, o dereito, as RRLL e a enxeñaría, pero todos eles comparten uns obxectivos comúns que se tratarán ao longo da xornada. Así, baixo o lema Liderar e comunicar no entorno actual: O cambio necesario, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecementos para construír lugares de traballo máis produtivos, saudables e sostibles. O encontro ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento de estratexias innovadoras que respondan ás novas demandas das persoas traballadoras e aos retos que presenta a xestión do talento no actual contexto laboral.

Desde esta perspectiva multidisciplinar, abordaranse algúns dos desafíos contemporáneos na xestión de persoas. Entre os temas destacados inclúense a xestión da diversidade xeneracional no entorno laboral galego, a importancia da comunicación efectiva no manexo dos equipos de traballo e os desafíos e oportunidades que ofrecen os espazos de traballo híbridos.

 

O programa

O encontro dará comezo ás 17:00 horas coa benvida e presentación a cargo de Carlos Montes Piñeiro (Presidente da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do COPG), Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa (Presidente da CEG) e Rafael Granados Guillén (Presidente de ATA Galicia).

A continuación, terá lugar a conferencia Liderado e saúde mental na antigüidade romana: unha metáfora actual, a cargo de Carlos Fernández Antón (Enxeñeiro e Historiador), e unha mesa redonda, Perspectivas contemporáneas de liderado, na que intervirán Teresa Molezún Mosquera (Consultora de RRHH en Cátemo), Rubén Martínez Nieto (Director Xeral de HOWDEN España e Portugal), e Lorena Suárez (Senior HR Advisor. HR Interim Manager e Directora de RRHH). A condución da xornada correrá a cargo de José Ortuño Vilurbina, Xerente de Skith.

O acto clausurarase coas intervencións de Carlos Montes Piñeiro e Pablo Fernández López (Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Xunta de Galicia), seguido dun viño español, ao que están invitados todos os asistentes.

I Encontro Galego Interprofesional de Recursos Humanos