Destacado

Non hai saúde real sen saúde mental

No marco do Día Mundial da Saúde que se conmemora este 7 de abril, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra a importancia de apostar pola prevención. Esta máxima tamén se aplica á saúde mental, unha dimensión da nosa vida que, malia termos unha maior concienciación da súa importancia, non está a ser adecuadamente atendida.

A psicoloxía ten un papel clave na promoción da saúde mental desde un enfoque preventivo, ofrecendo ferramentas para afrontar os retos da vida cotiá e mellorar o benestar individual e colectivo. A súa intervención é útil e necesaria en distintos contextos, como na educación, na contorna laboral, nos servizos comunitarios, nos centros sanitarios ou na administración de Xustiza. Deste xeito, podemos promover o benestar emocional nas distintas etapas evolutivas das persoas, atender as súas necesidades específicas, acompañalas nos procesos emocionalmente complexos, fortalecer a comunidade a través das redes de apoio, e completando unha atención integral á saúde das persoas.

A intervención preventiva das psicólogas e psicólogos non só evita complicacións futuras, senón que potencia os recursos persoais, promove o benestar e mellora a calidade de vida. Non hai saúde real sen saúde mental. Investir en prevención é fortalecer a saúde.