Hipólito Puente Carracedo é doutor en Psicoloxía Educativa e conta cunha traxectoria profesional moi ampla dedicado a este ámbito de intervención. É membro da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología e estivo coordinando o estudo PsiCE en Galicia, un proxecto de psicoloxía baseada na evidencia en contextos educativos para a prevención de problemas emocionais.
A mañá do sábado 1 de outubro, o tamén vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía Educativa abrirá o segundo día das I Xornadas de Psicoloxía Educativa cunha conferencia sobre a desmotivación escolar. Previamente, recollemos una adianto na Circular Informativa do COPG, e lembrámosche que as últimas prazas están aínda dispoñibles polo que é importante que te inscribas canto antes.
Cales serán as principais contribucións para as persoas asistentes a súa conferencia “O camiño invisible da desmotivación escolar”?
Na conferencia tentarei visibilizar as causas da desmotivación dunha porcentaxe significativa de alumnado. Tamén reflexionarei sobre a realidade emocional, con datos reais, de alumnado concreto de infantil, primaria e secundaria, para rematar facendo propostas para que a situación emocional deste alumnado non siga sendo invisible.
Que porcentaxe representa o aspecto emocional na desmotivación do alumnado? Que tipo de atención recibe?
No noventa e catro por cento do alumnado con fracaso escolar, a desmotivación polo estudos pode explicarse polas emocións negativas que foi acumulando, de acordo cos datos recollidos nun instituto de Vigo ao longo de vinte e tres anos. A atención que recibe este alumnado é moi escasa, por non dicir nula, na inmensa maioría dos casos. Adoita “despacharse” esta situación coa frase “é moi listo/a pero é moi vago/a”.
Cales poderían ser as consecuencias de non atender estas necesidades nesta etapa?
As consecuencias máis evidentes son o fracaso escolar e, polo tanto, fracaso vital, na maioría dos casos. Na idade adulta pode manifestarse de múltiples formas: xeralizarse con problemas de ansiedade e/ou depresión, problemas nas relacións laborais, familiares, de parella etc., podendo chegar, incluso, ao suicidio.
Diversos estudos apuntan a que máis do 50% dos trastornos mentais comezan na infancia e na adolescencia. Como poden as familias identificar que pode estar a haber algún problema?
Como dicía, se os problemas non se detectan nin se abordan na infancia, non desaparecen por crecer e cumprir anos, polo contra, poden incrementarse. As familias danse de conta, a maioría das veces, de que as cousas non van ben, pero no saben que facer. Cando isto sucede, como estamos a falar de alumnado, deben acudir ao departamento de orientación e explicar os motivos da súa preocupación. Se aquí non atopan respostas que os convenzan, porque a maioría dos centros non teñen psicólogo ou psicóloga educativa, o máis acertado é acudir a un profesional da psicoloxía, fóra do centro.
Nunca tivo tanta presenza a saúde mental no debate público como neste momento. Que podería contribuír a psicoloxía dentro do sistema educativo?
A psicoloxía é a grande ausente do sistema educativo e na actualidade faise imprescindible a súa presencia se queremos diminuír o fracaso escolar e mellorar a saúde mental do alumnado e, polo tanto, dos adultos do futuro. O psicólogo ou psicóloga educativa pode detectar, desde idades moi temperás, alumnado cunha traxectoria vital que evidencia carencias efectivas, malos tratos físicos e/ou psicolóxicos etc., coas consecuencias para a súa saúde física e/ou mental que isto vai supor.
Desde a Psicoloxía Educativa pódese intervir para que esta situación non continúe, levando a cabo as medidas pertinentes. Permite ter un coñecemento exhaustivo do alumnado do centro para asesorar ao profesorado dos procesos cognitivos, emocionais, sociais e morais, así como das estratexias de aprendizaxe de cada alumno/a, para optimizar o proceso de ensino/aprendizaxe. Tamén realizamos o seguimento do alumnado dende infantil a bacharelato, vendo a súa evolución e, de non producirse de xeito adecuado, detectamos as causas e intervir para mellorala.