Seccións

«Nas últimas décadas, o uso das NIBS foise expandindo a diferentes eidos do ámbito público e privado»
Eduardo Martínez Lamosa

A Sección de Psicoloxía e Saúde organiza os días 21 e 22 de abril o Curso introductorio ás técnicas de estimulación cerebral non invasiva (ECNI/NIBS) e s súas aplicacións. Coordinado por Eduardo Martínez Lamosa, psicólogo clínico e tesoureiro da Xunta Directiva da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, este curso busca proporcionar formación teórico-práctica sobre os fundamentos e mecanismos básicos de ditas técnicas, os seus efectos, as súas aplicacións en contextos clínicos e os posibles efectos adversos e as súas limitacións.

1. En que consiste as sesión formativa que se vai impartir? Que vai a contribuír aos psicólogos e psicólogas no seu exercicio profesional?

Esta actividade formativa de natureza teórico-práctica está conformada por dúas sesións nas que se exporán as técnicas de estimulación cerebral non invasiva (NIBS): os seus fundamentos, as súas aplicacións e efectos terapéuticos, as limitacións e efectos adversos, aspectos éticos e de seguridade, etc. O curso pretende, en definitiva, cubrir a necesidade de coñecemento deste tipo de técnicas por parte de profesionais da Psicoloxía no ámbito da Saúde.

2. Desde a túa traxectoria profesional, en que situación se atopa este ámbito de actuación da Psicoloxía?

Nas últimas décadas, o uso das NIBS foise expandindo a diferentes eidos do ámbito público e privado. Do mesmo xeito, as súas aplicacións tamén se foron diversificando ao longo do tempo. Porén, aínda resulta un conxunto de técnicas moi descoñecidas para moitas/os profesionais da Psicoloxía e existe o risco de que diminúa o control de calidade da formación sobre o uso rigoroso e seguro dos diferentes protocolos de aplicación das NIBS.

3. Por que recomendaría continuar formándose nesta materia?

Unha actividade formativa coma esta ofrece unha vía de actualización ao respecto dun ámbito tecnolóxico que está en permanente evolución e expansión. Por outra banda, tamén permite a difusión de información rigorosa e fiable sobre as NIBS, o que en definitiva debe contribuír a un uso responsable e seguro deste tipo de procedementos.

4. Cales son os principais retos e oportunidades para continuar mellorando?

A falta de información actualizada sobre as NIBS limita a oferta terapéutica dos centros clínicos ou sanitarios e pode supoñer un risco na seguridade para as/os potenciais beneficiarios destas técnicas. Pola contra, a continuidade na investigación e na difusión dos coñecementos científicos mediante actividades formativas é unha forma de garantir un uso correcto e eficaz destas técnicas, que aínda teñen un longo percorrido no futuro.

 

 

 

Spread the love
Eduardo Martínez Lamosa
Eduardo Martínez Lamosa