A raíz da pandemia revelouse un importante sufrimento psicolóxico nos menores: ansiedade, angustia, depresións, autolesións, condutas suicidas (ideación, comunicación e comportamento suicida). Conscientes desta problemática nos dous últimos anos comezou a coordinación entre o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Equipo de Orientación Específico (EOE) da Coruña para dar resposta ás problemáticas que chegaban desde os centros educativos.
Nesta liña o 16 de setembro celebrouse unha reunión en Santiago de Compostela na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia entre representantes do GIPCE, Ana Mª Núñez Rubines e Julita Mª Touriño Araújo; representante da sección de Psicoloxía Educativa, Hipólito Puente Carracedo; e representantes do EOE da Coruña, Mª Victoria Fernández, Manuel Armas e Manuel José Lage. Os obxectivos desta reunión foron dar a coñecer os protocolos de actuación e crear novas vías de coordinación e colaboración ante a preocupación e as necesidades que se veñen detectando nos centros educativos en relación á saúde mental dos rapaces e rapazas.