Seccións

Manifesto polo Bo Trato e Dignidade das Persoas Maiores

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento da Sección de Psicoloxía da Intervención Social, queremos expresar e dar voz ás situacións que vulneran os dereitos das persoas maiores.

O maltrato ás persoas maiores é unha violación grave dos dereitos humanos e un problema de saúde pública que require accións urxentes e coordinadas. Defínese como: calquera acto, único ou repetido, ou a falta dunha resposta adecuada que cause dano ou angustia, e que ocorra nunha relación onde existe unha expectativa de confianza.

Como psicólogos e psicólogas, recoñecemos que a violencia non sempre é física; as formas máis insidiosas e frecuentes adoitan pasar desapercibidas por ser máis sutís. Moitas veces incluso certas condutas e situacións danse no seo familiar ou de amizades, e con boa fe, sen decatarse de que igualmente están vulnerando dereitos básicos. Por iso, queremos destacar:

  • Abusos Sistémicos e Institucionais: Calquera lexislación, procedemento ou omisión administrativa que provoque detrimento na saúde, seguridade ou benestar emocional. Inclúe a rixidez de normas en centros, o escaso respecto pola intimidade e a despersonalización asistencial.
  • Maltrato Psicolóxico e Social: Actos que causan angustia e sentimentos de indignidade, como a infantilización, a ridiculización, a invalidación e a exclusión da toma de decisións.
  • Abuso Financeiro e Material: A utilización non autorizada ou ilegal de fondos e propiedades, incluíndo a apropiación indebida de pensións ou vivendas por parte de familiares ou terceiros.
  • Neglixencia e Abandono: O rexeitamento ou a falta de atención ás necesidades básicas (alimentación, hixiene, medicación), tanto de forma voluntaria como involuntaria.
  • Obstinación Diagnóstica e Terapéutica: O uso inadecuado de ferramentas profesionais ou fármacos (contención química) que causan máis prexuízo que beneficio.

Para garantir un envellecemento digno e seguro, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia os e as profesionais da psicoloxía avogamos por integrar as seguintes directrices na práctica cotiá:

  1. Empregar ferramentas de detección validadas: Ante sospeitas nunha persoa con nivel cognitivo preservado, utilizar o Elder Abuse Suspicion Index (EASI). Realizar valoracións integrais que inclúan o estado físico, cognitivo, emocional e social da persoa. Empregar sempre, para calquera tratamento, ferramentas apropiadas e validadas, non caer en facer adaptacións propias pouco elaboradas. Debemos procurar que as persoas maiores teñan tanta calidade nas ferramentas utilizadas coma outros colectivos de diferentes idades.
  1. Fomentar a autonomía e a independencia: Non deixar á persoa á marxe das decisións que a afectan. Estimular a súa inclusión e capacidade de elección e manter a súa mente activa para evitar o illamento.
  2. Vixiar os indicadores de alerta: Estar atentos a cambios de comportamento ante o coidador, baixa autoestima («non sirvo para nada«), ou reticencia a falar en privado. Nas institucións, vixiar o uso excesivo de psicofármacos e o escaso respecto á intimidade.
  3. Traballar de xeito interdisciplinar: A intervención debe ser coordinada entre axentes sanitarios, sociais e xurídicos para garantir a máxima protección.
  4. Protexer e formar aos coidadores e coidadoras: Moitas situacións de maltrato son froito do estrés, a fatiga e a falta de formación. Ofrecerlles pautas de comunicación e recursos de respiro para evitar a sobrecarga.
  5. Garantir a confidencialidade e respectar a vontade: As actuacións deben respectar sempre o ritmo e as decisións da persoa, agás se a súa vida ou integridade corren un risco inmediato.
  6. Actuar ante o delito: Se existen indicios fundados de infracción penal (agresións, estafas, tratos degradantes), existe a obriga legal de informar ás autoridades competentes (Policía ou Fiscalía).

A psicoloxía ten un papel fundamental na prevención, a detección temperá e o acompañamento emocional das vítimas. Envellecer con dignidade é un dereito irrenunciable.

 

Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento

Sección de Psicoloxía da Intervención Social

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Manifesto polo Bo Trato e Dignidade das Persoas Maiores