Destacado

Máis de 400 persoas asistirán ao I Congreso de Psicoloxía de Emerxencias que organiza o COPG

Os días 2, 3 e 4 de maio, Santiago de Compostela acollerá a primeira edición co Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias “Sostendo emocións nas emerxencias”, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Máis de trescentos profesionais asistirán ao encontro de xeito profesional, ao que se unirán máis de cen persoas a través do streaming, o que dá boa mostra das expectativas xeradas ao redor desta cita.

Neste congreso pioneiro dentro da Psicoloxía de Emerxencias no conxunto do Estado, reuniranse profesionais deste ámbito para expoñer coñecementos e compartir experiencias sobre diversos aspectos da atención psicolóxica nas situacións de emerxencia. Terá lugar en dúas sedes, no Pazo de Fonseca (Rúa do Franco s/n) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, coa participación de corenta e catro expertos e expertas deste ámbito.

Mª Rosa Álvarez Prada, decana do COPG e presidenta do I Congreso de Psicoloxía de Emerxencias

“A intención é poñer en valor a intervención psicolóxica profesional en emerxencias para axudar ás persoas e ás comunidades a facer fronte e integrar o impacto dunha situación crítica nas súas vidas, promovendo a súa resiliencia”, explica a decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada. Pola súa banda, a presidenta do Comité Organizador, Ana Núñez Rubines, define o programa como unha “visión panorámica da profesión, que permite achegarse a distintos tipos de emerxencias, desde as máis pequenas e cotiás, ás grandes emerxencias ou conflitos internacionais, así como o coidados dos propios corpos de intervención”.

Ana Núñez Rubines, coordinadora do GIPCE e presidenta do Comité Organizador

“Se ben os inicios da intervención en emerxencias comeza nos anos 70, hoxe en día está presente en distintas situacións críticas, como poden ser o terrorismo, a violencia de xénero, os accidentes con múltiples vítimas, os suicidios, os accidentes de tráfico e laborais, os naufraxios, as desaparicións ou mesmo os desastres naturais”, polo que desde a organización se tentou reflectir esta variedade no propio programa, segundo indica Ana Núñez. “Son momentos excepcionais e nos que a psicoloxía é unha das profesións clave, xa que nestas circunstancias tan duras é cando se toma conciencia da importancia de contar con psicólogos e psicólogas, pola gravidade que ten e o impacto na vida das persoas; por iso desde o COPG tiñamos claro que debíamos apostar por un Congreso con esta calidade”, asegura a decana Mª Rosa Álvarez.

Programa científico

O xoves 2 darán comezo as actividades, cunha visita á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na que coñecerán o funcionamento do CIAE 112. Xa na tarde, terá lugar a primeira das conferencias sobre terapia EMDR, por conta de Anabel González, e continuará cos obradoiros que abordarán cuestións prácticas da intervención.

O venres 3, no pazo de Fonseca, comezará coa conferencia inaugural a cargo de Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico, ex presidente do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e un dos primeiros coordinadores do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do COPG, que fará unha revisión sobre a intervención psicolóxica profesional en contextos críticos. Tras o acto inaugural, a xornada matinal pecharase coas conferencias de Giada Maslovaric, que reflexionará sobre as intervencións psicolóxicas en emerxencias multinivel; e a conferencia de Javier Torres, Coordinador da Área de Psicoloxía en Catástrofes e Emerxencias do Consello Xeral da Psicoloxía e decano do Colexio Oficial de Psicoloxía das Illas Baleares, que exporá a situación deste ámbito en España, os seus retos e desafíos.

Á tarde continuará o programa coas actividades na Facultade de Psicoloxía con simposios simultáneos sobre a pandemia, os accidentes de tráfico, o autocoidado e as emerxencias internacionais e a seguir, unha nova quenda de simposios, neste caso sobre o suicidio en menores, as grandes emerxencias, o terrorismo e conflitos bélicos e as persoas desaparecidas.

O sábado 4 de maio, despois da presentación das comunicacións gratuítas, terá lugar a conferencia impartida por Teresa Pacheco sobre a atención ao continuo suicida dende as urxencias. Dará lugar a unha quenda de simposios sobre os aspectos legais da intervención psicolóxica en emerxencias, a atención á violencia de xénero e a atención á intervención con menores e poboacións vulnerables. Na última sesión, o sábado pola tarde, Dolores Mosquera falará da intervención en trauma, e José Navarro achegaranos á teoría do apego e á neurociencia en situacións de crise. Pechará o programa a catedrática da Universidade Complutense María Paz García Vera cunha ollada sobre os retos e oportunidades da psicoloxía en contextos de crise.

As emerxencias en Galicia

Desde 1997, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mantén un convenio coa Xunta de Galicia que garante a cobertura da atención psicolóxica en situacións de catástrofe e emerxencia con carácter permanente. Para isto, o COPG ten un equipo de psicólogos e psicólogas especializado, o GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias), que intervén en eventos críticos, como en accidentes de tráfico, naufraxios ou mortes por suicidio, así como en grandes emerxencias, como foi o sinistro do Alvia en 2013 ou a explosión da pirotécnica ilegal de Tui en 2018.

Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente posible a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. Tamén asesoran a dirección da emerxencia sobre o impacto psicolóxico das súas actuacións nos colectivos afectados, e realizan  tarefas de autocoidado de grupo para tratar de diminuír o  estrés nos intervenientes tras realizar unha intervención.

A historia do GIPCE terá un espazo propio na exposición “A Psicoloxía de emerxencias en España”, unha mostra realizada polo COPG que recolle o labor realizado polos distintos colexios de psicoloxía do conxunto do Estado na atención psicolóxica en situacións de catástrofe e que estará situada na Facultade de Psicoloxía da USC. De feito, esta será unha das cuestións que se abordará no propio Congreso, dado que a atención psicolóxica en emerxencias na maioría das comunidades autónomas está sostida polos colexios profesionais, o que dá lugar a grandes desequilibrios territoriais, dado que queda a criterio das distintas Administracións asinar convenios para asegurar este servizo e a súa dotación.

+ info: https://icongresonacionalpsicoloxiaemerxencias.copgalicia.gal/

Spread the love