Destacado

James Rodhes
James Rhodes, gañador do Premio Dolores Llópiz – Psicoloxía e Sociedade 2025 do COPG

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acordou conceder o Premio Dolores Llópiz – Psicoloxía e Sociedade 2025 ao pianista James Rhodes, en recoñecemento á súa contribución na sensibilización sobre os problemas de saúde mental e na defensa dos dereitos da infancia.

Este galardón, de carácter anual, distingue a persoas, institucións ou colectivos que colaboran co desenvolvemento da psicoloxía e na mellora do benestar social. O Colexio de Psicoloxía destaca o papel de James Rhodes nos seu compromiso na sensibilización sobre os problemas de saúde mental, a protección dos dereitos da infancia e a defensa da accesibilidade á atención psicolóxica de xeito universal. 

Ademais, foi clave no proceso para a promulgación da Lei Integral de Protección á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, unha norma fundamental para garantir a seguridade e benestar da infancia en España. O seu activismo social abrangue outras problemáticas contemporáneas, como as migracións, a igualdade e a loita contra os discursos de odio, que defende con paixón, dignidade e unha notable capacidade de comunicación.

Máis alá do seu activismo, James Rhodes é recoñecido pola súa excepcional carreira como pianista, ofrecendo a través da música un espazo de refuxio emocional para moitas persoas.

A entrega do premio terá lugar o vindeiro 6 de xuño en Santiago de Compostela, no marco do acto institucional «Achegas da Psicoloxía», organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a tarde do venres 6 de xuño no Hostal dos Reis Católicos. 

Se desexas asistir, é preciso inscribirse no correo copgalicia@copgalicia.gal ata o 23 de maio de 2025.

Neste mesmo acto faremos entrega, como é tradición, do recoñecemento a aqueles/as psicólogos/as que contribuíron á profesión, canalizada a través do desenvolvemento do noso Colexio e en defensa da profesión. Tamén se efectuará un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial, así como a entrega dos IV Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira do COPG.