Información Xeral

In Memoriam: Jorge Méndez Ríos

Coñecín a Jorge cando el facía o PIR no Rebullón de Vigo e eu traballaba no Cabaleiro Goás de Toén (Ourense). Finais dos anos 80 a primeiros dos 90. Tivemos un grupo cohesionado pola actividade docente entre os dispositivos de Saúde Mental de Galicia. Titores, profesionais e residentes. Fixémonos amigos e percorremos moita vida xuntos. Traballou na área da Coruña, onde eu tamén traballei desde o 95. Aquí os nosos contactos fóronse dilatando por curso natural. Seguimos sendo amigos, así o sinto. Agora que se marchou, doume conta de que non sabía demasiado del, pero sempre souben que sufría e que se poñía unha máscara de humor negro para disimulalo. Jorge resistiu moito, propio e alleo. Foi un paladín para os seus amigos. Acompañoume e deume enerxía en momentos duros. Lamento non estar máis preto nos seus.

Lémbrame Lorenzo a súa faceta disfrutadora: era un excelente gastrónomo e buscador dos praceres da vida, moi consciente sempre da súa natureza fugaz, cos que celebrar a amizade. E que, en canto ao rol profesional, definíase a si mesmo como «un currela de trincheira, un obreiro da psicoloxía».

Que atopes o merecido descanso. Ata sempre, Jorge.

Marisol Filgueira Bouza e Lorenzo Sánchez Marcos. Xaneiro 2024.

Spread the love