O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebrou o “III Foro de Empregabilidade, Emprego e Emprendemento en Psicoloxía” (III FORO 3EP), un espazo de referencia para o encontro entre profesionais, egresadas/os e estudantes de Psicoloxía.
O obxectivo do Foro foi facilitar a exploración de novas saídas profesionais, fortalecer a empregabilidade e impulsar o espírito emprendedor dentro da disciplina psicolóxica.
Esta terceira edición celebrouse o 11 de marzo, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, nun formato dinámico 5×15: cinco microconferencias de 15 minutos impartidas por profesionais destacadas/os de diferentes ámbitos da psicoloxía.
A través destas intervencións, breves e inspiradoras, abordáronse cuestións clave para a orientación profesional e o desenvolvemento de carreira.
Nesta edición participaron:
– Antía Blanco Espiñeira, directora de Recursos Humanos en GalChimia.
– Puri Torrente Sánchez, técnica en Orientación Profesional do Servizo de Orientación Laboral e Emprego da USC.
– Paloma Muñoz Díaz-Castroverde, técnica de emprego na Confederación de Empresarios da Coruña.
– Benxamín Varela López, investigador posdoutoral no Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS).
– María Reynolds, fundadora de Flying Fun.
O foro buscou ofrecer unha visión práctica e realista do mercado laboral actual, proporcionando ferramentas útiles, experiencias en primeira persoa e orientación estratéxica para a toma de decisións profesionais.
Ao remate da sesión presencial abriuse un foro virtual de dúbidas, no que as persoas participantes puideron formular preguntas específicas e recibir asesoramento por parte das colexiadas e colexiados que integran a comunidade profesional do COPG.





