O ‘II Foro de Empregabilidade, Emprego e Emprendemento en Psicoloxía’ (II FORO 3EP) ten o propósito de crear un espazo innovador onde profesionais, egresadas/os e estudantes de psicoloxía poidan explorar novas oportunidades de carreira, mellorar a súa empregabilidade e fomentar o espírito emprendedor na nosa disciplina.
Esta segunda edición celebrarase o xoves 6 de de marzo de 2025, de 17 a 19 h no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía da USC (Rúa María Suárez Núñez, s/n · Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela). A través dun formato 5×15, abordaranse cuestións centrais na orientación profesional e o desenvolvemento de carreira mediante 5 micro-conferencias breves de 15 minutos impartidas por profesionais destacadas na psicoloxía. «Que facer despois de graduarse?», «Que alternativas hai dispoñibles?», «Como superar un proceso de selección?», ou «Como emprender en psicoloxía?», serán algunhas das preguntas ás que se tratará de dar resposta.
Ao remate da sesión presencial abrirase un foro virtual de dúbidas, onde as persoas interesadas poderán realizar preguntas específicas e recibir consellos personalizados por parte das colexiadas e colexiados que integran a comunidade profesional do COPG.
A inscrición está aberta ata o 4 de marzo, é gratuíta ata completar o aforo e podes facela no seguinte enlace: https://forms.office.com/r/A9WzFtaw2K?origin=lprLink
Para máis información, podes consultar o programa completo facendo clic aquí.
Non perdas a oportunidade de potenciar a túa carreira co II FORO 3EP!