As I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa “Psicoloxía Educativa, sempre emocionando” celebráronse o pasado 30 de setembro e 1 de outubro na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Desde o Concello de Santiago de Compostela, ofrecéusenos unha recepción oficial por parte da corporación municipal, con quen analizamos a situación tan crítica que viven moitos menores nos centros educativos: suicidios, autolesións, desmotivación, acoso, adiccións.
O acto inaugural foi presidido por Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Francisco Santolaya Ochando, presidente do Consejo General de la Psicología de España, Judith Fernández novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia; Gumersindo Guinarte Cabada, concelleiro responsable de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, e Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
As xornadas constituíron un espazo de reflexión e intercambio de coñecementos e experiencias de profesionais da Psicoloxía Educativa. Foron moitos e complexos temas tratados por expertos como Ángel M. Carracedo Álvarez, catedrático, investigador e experto internacional en xenética, quen nos falou das súas últimas investigacións. Pilar Calvo Pascual, coordinadora da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología e decana do COP La Rioja, impartiu a conferencia inaugural “Sen saúde psicolóxica non hai oportunidades educativas”. Escoitamos a Hipólito Puente Carracedo, doutor en Psicoloxía Educativa e vicedecano do COP Galicia coa súa conferencia “O camiño invisible da desmotivación escolar”. A conferencia do profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, proporcionounos datos rigurosos do estudo sobre “Tecnoloxía en novas adiccións na infancia e adolescencia: saúde, convivencia e responsabilidade social”. Dous simposios sobre o peso que cobran as emocións na toma de decisións (Carolina Tinajero Vacas, Noelia Guerra Ferreiroa e Florentina Rivadulla Taboada) e a educación emocional e sexual (Belén Montesa Lou, Penélope Alonso Vázquez e Ianire Estébanez Vázquez) aportáronnos coñecementos de grande calidade expositiva. Rematamos con catro obradoiros impartidos por expertos en temas de emocións e mediación (Ana Mª Ulloa Lage), apoio emocional na escola ao alumnado de espectro autista (Marlene Horna Castiñeiras), atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos (Olegaria Mosqueda Bueno e Concepción López Martín) e pílulas de supervivencia emocional para psicólogos/as (Carla Teixeira Lago).
O acto de clausura estivo presidido pola decana da Facultade de Psicoloxía da USC, Mª José Sampedro Vizcaya, a coordinadora da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología de España, Pilar Calvo Pascual, e a presidenta do Comité Organizador e da Sección de Psicoloxía Educativa do COP Galicia, Manuela del Palacio García. As conclusións das xornadas, expostas por esta última, definen unha situación complexa e delicada pola que atravesan os menores da nosa sociedade á que debemos dar unha resposta como profesionais da Psicoloxía Educativa a nivel preventivo, diagnóstico e de intervención, solicitando ás distintas administracións e consellerías a necesidade de que todos os centros educativos conten con psicólogos/as educativos/as.