Destacado

I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa
I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa “Psicoloxía educativa, sempre emocionando”

Do 30 de setembro ao 1 de outubro terán lugar as I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa “Psicoloxía educativa, sempre emocionando”, organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, na Facultade de Psicoloxía da USC, tanto en formato presencial como por streaming.

Nestas xornadas preténdese visibilizar a necesidade de contar con profesionais da Psicoloxía Educativa e a súa utilidade. Non só é unha demanda da comunidade educativa senón que a sociedade no seu conxunto está a demandar psicólogos e psicólogas expertas para o acompañamento emocional dos menores nunha complexa conxuntura social.

A Psicoloxía Educativa é clave para o desenvolvemento das competencias dos procesos educativos ao longo de todo o ciclo vital. Exércese a actividade a través de múltiples funcións de prevención, avaliación, diagnóstico e tratamento do desenvolvemento psicolóxico nos contextos educativos: centros, consultas e gabinetes privados, asociacións, equipos da administración pública…

Desde a perspectiva profesional, está presente o binomio aprendizaxe/emoción, tanto a través de estudos e investigacións como desde a psicoloxía aplicada, e desde o Comité Organizador así o desexa trasladar neste encontro no que enriquecerse profesionalmente.

O programa está dispoñible na web https://xornadaspsicoloxiaeducativa.copgalicia.gal/ ou podes descargalo en PDF.

Para realizar a inscrición, podes empregar o formulario na sede electrónica do COPG, e tes prezo reducido para a inscrición adiantada ata o 2 de setembro. Os obradoiros só estarán dispoñibles para as persoas que asistan de xeito presencial.

Tamén está aberto o prazo para presentar comunicacións libres ata o 1 de xullo de 2022.

Spread the love