O 19 de outubro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) celebrou a I Xornada de Psicoloxía e Saúde e Psicoloxía Educativa baixo o título «Facendo encontro, tecendo rede» na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela. Este evento reuniu a profesionais da psicoloxía, educación e saúde para abordar os desafíos da saúde mental na infancia e adolescencia e para fomentar redes de apoio interprofesionais.
A xornada celebrouse nun contexto de gran preocupación pola situación da saúde mental entre a mocidade, tras coñecerse os datos alarmantes dun informe de UNICEF España e a Universidade de Sevilla que indicaba que o 41 % dos adolescentes en España experimentou ou creu experimentar problemas de saúde mental no último ano. Ante esta situación, a xornada buscou ofrecer un espazo de reflexión e propostas para reducir o estigma e promover un diálogo aberto sobre a saúde mental.
A xornada presentouse coma un espazo de debate no que se fixeron propostas para fortalecer a cooperación entre os distintos axentes implicados na saúde mental e educación, destacando a importancia de continuar traballando en rede para garantir un apoio efectivo á mocidade con problemas de saúde mental.