Os últimos datos da Enquisa de Saúde de España 2023, publicada hoxe, revelan unha realidade preocupante: Galicia é unha das comunidades con maior prevalencia de síntomas e cadros depresivos activos, superando en todos os indicadores á media estatal e deixando en evidencia unha crise estrutural na atención á saúde mental.
Segundo a Enquisa, o o 16,49 % da poboación presenta un cadro depresivo activo (6,81 % maior + 9,67 % outros), unha porcentaxe lixeiramente superior á media estatal (14,62%). Unha situación que se agrava no caso das mulleres, o que evidencia unha fenda de xénero. Un 8,30 % presenta un cadro depresivo maior, mentres que o 11,46 % se enmarca noutros cadros depresivos. Isto significa que 1 de cada 5 mulleres en Galicia presenta un cadro depresivo activo, dous puntos por riba da media estatal.
En canto á severidade dos síntomas depresivos, Galicia supera en todos os niveis o promedio estatal: especialmente nos niveis leve (22,04% fronte un 16,46%) e no grave, que duplica a taxa estatal (2,93% fronte ao 1,67%, a segunda autonomía con maior taxa tras a Rexión de Murcia), situándose só por detrás da Comunidade Valenciá e da Comunidade de Madrid (41,35%, 36,30% e 36,20%, respectivamente). As mulleres en Galicia son as que presentan peores indicadores: un 44 % manifesta síntomas depresivos dalgún tipo, seguida da Comunidade Valenciá (43,71%) e das Illas Baleares (41,66%) . Son significativamente máis numerosas as que presentan síntomas leves, moderados e graves en comparación co promedio estatal.
No relativo á cronicidade ou problemáticas de longa evolución, ao longo do último ano, Galicia foi a segunda autonomía con maiores taxas no eido dos trastornos mentais. Un 12,88% da poboación presenta depresión fronte ao 7,8% do promedio estatal; un 14,37% está diagnosticado de ansiedade crónica (7,9% no conxunto do Estado) e en canto a outros problemas mentais, a taxa é dun 3,62% en Galicia (2,55% no promedio das comunidades autónomas). Novamente, a variable do xénero agrava o diagnóstico da saúde mental das galegas, xa que neste caso, encabeza entre as autonomías con maior prevalencia de depresión: 17,34%, 7 puntos por riba do promedio estatal. En canto á ansiedade crónica, 2 de cada 10 mulleres están diagnosticadas por este trastorno de longa evolución (19,7% fronte a un 10,69% no conxunto das autonomías).
En canto á inaccesibilidade a atención sanitaria no eido da saúde mental por motivos económicos, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior dificultades: un 4,82% da poboación galega non puido acceder ao longo do ano a atención psicolóxica ou psiquiátrica, moi por riba do 2,83% da ratio estatal.