Grupos

«Galicia, á cabeza no consumo de cocaína ao volante»

Un estudo da organización #StopCocaína revela que un alarmante 25 % das persoas ao volante en Galicia dan positivo en controis de tráfico, por riba da media nacional do 19 %, colocándonos á cabeza do consumo de cocaína ao volante en España. A investigación tamén indica que, no último ano, o 13 % das persoas condutoras falecidas en accidentes de tráfico no país presentaban resultados positivos para esta substancia.

O perfil habitual dos condutores que dan positivo é predominantemente masculino e a idade media oscila entre os 35 e 54 anos. O Grupo de Tráfico e da Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia destaca que os altos niveis de estrés laboral e a presión social poden levar a buscar escapismos como o consumo de drogas.

Ademais, as percepcións erróneas sobre a cocaína, como a idea de que mellora o rendemento e non afecta á condución, son moi comúns. Esta substancia contribúe a un comportamento máis impulsivo e arriscado, aumentando así o perigo ao volante.

O Grupo de Tráfico e da Seguridade do COPG sinala que é importante destacar que, a pesar da falta de conciencia inicial sobre os riscos, un 65 % destas persoas, tras tratamento terapéutico, logran modificar o seu comportamento; do que se deriva a necesidade de campañas de concienciación que amosen casos reais de accidentes para fomentar un cambio de actitude na sociedade.

Con todo, a normalización do consumo, a presión social e a influencia do entorno son factores que continúan a dificultar a recuperación de moitas persoas afectadas.

Podes ler o artigo completo no seguinte enlace.