Seccións

“Está comprobado que non hai aprendizaxe sen emoción”

A tan só unha semana do comezo das I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa, falamos coa presidenta do Comité Organizador, Manuela del Palacio, para que nos ofreza a súa visión do proceso ata aquí. Unha das voces máis expertas sobre psicoloxía educativa en Galicia, é presidenta da Sección de Psicoloxía Educativa do COPG, ademais de exercer como orientadora nun IES.

Lembra que abrimos a inscrición para as últimas prazas dispoñibles.

 

Como presidenta do Comité Organizador, como foi a preparación destas xornadas?  

A preparación para as Xornadas foi moi complexa, no sentido de que cando tiñamos todo preparado a situación da COVID fíxonos pospoñer ata este momento a celebración das mesmas. Agradezo a todos os participantes e colaboradores o seu esforzo, interese e paciencia que demostraron. O obxectivo das Xornadas é, por unha banda, a formación no ámbito da Psicoloxía Educativa, o intercambio de coñecementos e experiencias, e a innovación neste campo. A través do Colexio Oficial de Galicia, esta experiencia supón un encontro de profesionais da Psicoloxía de todas as comunidades do Estado e, por outra banda, visualizar e difundir a necesidade de que todos os centros educativos conten con especialistas en Psicoloxía Educativa.

Psicoloxía educativa: sempre emocionando. Por que este título?

Despois dunha longa experiencia como psicóloga educativa pareceume que este podía ser o título que mellor nos define, xa que nós dedicámonos a ese currículo emocional que está latente en todas as materias. Está comprobado, en diferentes estudos, que non hai aprendizaxe sen emoción.

Cales son as principais temáticas que se tratarán? Cales eran as vosas ideas á hora de definir o programa?

O noso programa contén temas de actualidade como a saúde emocional nos centros educativos, a intervención das emocións na toma de decisións, a desmotivación escolar, a educación emocional e sexual, a tecnoloxía e as novas adiccións, a mediación escolar, o espectro autista, a atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos e o coidado dos propios profesionais da Psicoloxía.

Nunca se falou tanto de psicoloxía e saúde mental, especialmente polos adolescentes. En que situación está a súa saúde psicolóxica? Que atopades nos centros?

Nunca se falou tanto de saúde mental nos adolescentes como nestes momentos. E así o constatamos os que traballamos en centros educativos. Ansiedade, insomnio, falta de apetito, ganas de non vivir son síntomas que acurralan a un tanto por cento elevado do noso alumnado. Os Protocolos de actuación que se deben aplicar nos centros editados pola Xunta, como o de prevención do suicidio, son de obrigado cumprimento. O que botamos en falta son a falta de recursos para levalos a cabo cunha rede de centros nos que non poden faltar os profesionais especializados en Psicoloxía Educativa.

Poderías adiantarnos que persoas intervirán?

Intervirán profesionais de recoñecido prestixio como Ángel Carracedo Álvarez, ou a coordinadora da División de Psicoloxía Educativa Pilar Calvo Pascual, ou o vicedecano do COPG Hipólito Puente Carracedo, a eles e a todos os relatores e relatoras que estamos desexando escoitar agradecemos encarecidamente a súa participación. Esperamos que estas Xornadas contribúan a difundir  a necesidade e a importancia da Psicoloxía Educativa nuns tempos complexos.

Cal sería o modelo adecuado para a implantación da psicoloxía educativa nos centros de ensino?

En todos os centros educativos hai un Departamento de Orientación, o cal é unha oportunidade para que o experto en Psicoloxía Educativa sexa un integrante do mesmo.

Cales son as contribucións da psicoloxía educativa que estivese integrada con normalidade no ensino?

Fálase moito da preocupación polo benestar emocional do alumnado pero ese acompañamento nunha rede de centros ten que estar a cargo do psicólogo ou psicóloga especializada en Psicoloxía Educativa.

 

Spread the love
Manuela del Palacio García, presidenta do Comité Organizador