Seccións

«Educación sexual é falar de coidados, de emocións, de quererse ben, de respectarse na diversidade, de compartirnos positivamente»
Penélope Alonso, psicóloga e sexóloga, participará nas I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa

A educación emocional e sexual non podía faltar na programación das I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa. Na mañá do 1 de outubro, un simposio abordará este ámbito, no que contaremos coa intervención de Penélope Alonso, psicóloga-sexóloga cunha ampla experiencia, actualmente exerce na rede de centros Quérote+, un servizo especializado de asesoramento e información xuvenil da Xunta de Galicia. Conta co Máster en Sexología InCiSex, e experta en Sexoloxía, educación sexual e asesoramento sexual pola Universidad de Alcalá de Henares, ademais do Trainning en Sexoloxía Clínica por Biko Arloak.

Penélope Alonso colabora de xeito habitual con entidades de persoas con diversidade funcional, entidades de paciente oncolóxicos, entidades LGBTIQ+ e asociacións de familias de menores en situación de transexualidade, entre outros. Conversamos con ela para coñecer o que nos espera na súa próxima intervención nas Xornadas. Lembra que permanece aberta a inscrición.

– Cales serán as principais contribucións para as persoas asistentes da súa intervención no simposio sobre Educación emocional e sexual?

Acostúmase a entender a educación sexual como aqueles contidos onde se abordan as problemáticas que poden xerar os encontros íntimos, iso que a xente vén chamar “relacións sexuais” (embarazos non desexados, infeccións de transmisión xenital etc.) e que deixa de lado moitas outras cuestións que son de base na educación sexual. Polo tanto, a miña intervención tentará conseguir a apertura de mirada cara á educación sexual, á educación dos sexos, e ver realmente que facer educación sexual é falar de coidados, de emocións, de quererse ben, de respectarse na diversidade, de compartirnos positivamente…

– De acordo coa súa traxectoria profesional, como é a educación emocional e sexual que recibe a rapazada na actualidade? E cal sería un modelo máis axeitado?

O problema é que pensamos que estamos facendo educación sexual coa rapazada cando se lles da unha charla puntual sobre métodos, sobre relacións eróticas, sobre prevención, sobre esas cuestións que dicíamos antes que xiran en torno aos xenitais, sobre a diversidade. Iso é poñer un parche, apagar un lume, mais non é facer educación sexual. Educar é promover valores, previr é evitar riscos. Facendo prevención soamente non promovemos valores, sen embargo cando facemos educación dos sexos real, a prevención é consecuencia. E todo isto precisa de tempo. Centrámonos no urxente e esquecemos o importante. Unha boa maneira de conseguir o anterior sería un modelo que integrara a educación dos sexos, de calidade e impartida por profesionais, en todas as etapas educativas como unha asignatura mais, por exemplo.

– Que implicacións ten a ausencia deste tipo de contidos na súa educación, na actualidade e de cara á súa vida adulta?

A educación sexual, a dos sexos, é a ferramenta que nos axuda a que as persoas aprendan a coñecerse, aceptarse e aprendan a xestionar a súa erótica e as súas relacións tanto íntimas como públicas dende o respecto á diversidade e a igualdade.

A min gústame máis centrarme nas implicacións que ten a presencia de educación sexual de calidade porque achega valores sobre a sexualidade e as súas vivencias, dando ferramentas para loitar contra eses discursos simplistas que pretenden encorsetar nuns parámetros absurdos a infinita diversidade que existe, da ferramentas contra eses que promoven as violencias e a discriminación das persoas que non cumpren eses parámetros.

A educación sexual de calidade desde a infancia produce persoas adultas responsables e comprometidas.

– A diversidade, a igualdade, a prevención da violencia na parella… Que diagnóstico faría da situación entre a xente moza?

Creo que nos últimos tempos fixemos grandes avances sobre estes temas, polo menos fálase deles, dáselles visibilidade, e inténtase remediar aquelas cousas que sabemos que non funcionan ben. Tamén vexo que hai unha ampla reactividade ante aquelas cuestións que poñen sobre a mesa as discriminacións que sempre existiron pero que estaban normalizadas.

A diversidade é o mais abundante, aínda que haxa quen pretende convencernos de que é o excepcional. Cando os privilexios se tocan, as feridas escocen, e a xente revólvese contra iso que lles está a quitar privilexios. E estase notando. A educación sexual protexe, porque precisamente promove os valores da diversidade e do respecto absoluto por ela. Para previr a violencia en parella, primeiro hai que educar en diversidade e equidade, saber que a diversidade é a norma non a excepción, para así conseguir que ninguén se sinta por riba de outra persoa. Vimos dun pasado, que agora intentamos re-educar, por desgraza fai falta (moito) tempo. Niso estamos.

– Nunca tivo tanta presenza a saúde mental no debate público como neste momento. Que podería contribuír a psicoloxía dentro do sistema educativo?

Baixo o meu punto de vista, que a psicoloxía e a sexoloxía estean dentro do sistema educativo é fundamental, pero non soamente de xeito testimuñal como actualmente (departamentos de orientación, charlas puntuais…), senón con competencias de intervención. En calquera lugar onde hai grupos humanos temos moito que aportar. As engranaxes das relacións humanas precisan de profesionais que saiban recoñecer e acompañar dificultades, e estamos nun momento no que a xuventude ten necesidades importantes.

A psicoloxía e a sexoloxía axudan a coñecerse, aceptarse e vivirse ben na particular maneira de ser cada quen, e iso, para min é a clave da convivencia.

Spread the love
Penélope Alonso, psicóloga e sexóloga, participará nas I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa
Penélope Alonso, psicóloga e sexóloga, participará nas I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa