O 25 de marzo celebrase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela o Obradoiro “Avaliación do risco e necesidades en nenos e nenas e adolescentes en situación de desprotección e conflito social”, organizado pola Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Co obxectivo de afondar nos diferentes perfís de menores en situación de desprotección e conflito, así como as súas necesidades e consecuencias derivadas das situacións de vulnerabilidade, será Impartido pola investigadora posdotoural no grupo Underisk da Universidade de Santiago de Compostela e especializada na avaliación de menores en situación de risco e vulnerabilidade social, Lorena Maneiro Boo.
– En que consiste as sesión formativa que se vai impartir? Que vai a contribuír aos psicólogos e psicólogas no seu exercicio profesional?
Nesta sesión formativa abordaranse diferentes métodos de avaliación do risco e necesidades en menores que compren medidas xudiciais ou que son atendidos polo Sistema de protección á infancia e adolescencia. O uso deste tipo de ferramentas de avaliación estandarizadas favorece a toma de decisións e incrementa a efectividade do tratamento, xa que proporcionan información sobre o perfil psicosocial do rapaz ou rapaza e permiten adaptar as estratexias de intervención en consecuencia. Nesta sesión proporcionarase información sobre o estado actual neste ámbito, xunto con algunhas claves para o uso e avaliación das ferramentas deseñadas e adaptadas ao noso contexto.
– Desde a túa traxectoria profesional, en que situación se atopa este ámbito de actuación da Psicoloxía?
O uso de ferramentas de valoración do risco incrementouse considerablemente nos últimos anos, paralelamente á proliferación de estudios e investigacións nesta materia. Porén, a súa aplicación aínda é moi inconsistente e os avances na valoración do risco a nivel de investigación non se reflicten no ámbito aplicado. Por todo isto, é necesario formar e concienciar ás e aos profesionais que traballan con menores vulnerables neste tipo ferramentas de avaliación.
– Por que recomendaría continuar formándose nesta materia?
A valoración do risco e necesidades é un ámbito que está avanzando constantemente. Proba disto é que, fai uns vinte o trinta anos, a perspectiva profesional de toma de decisión neste ámbito baseábase exclusivamente no xuízo clínico, mentres que na actualidade se defende unha perspectiva máis centrada no xuízo clínico estruturado, na que os e as profesionais se apoien, entre outros, no uso de ferramentas estandarizadas. Se queremos que os/as profesionais estean ao día no ámbito da valoración do risco e necesidades, é necesario que se reciclen e continúen formándose nesta materia constantemente.
– Cales son os principais retos e oportunidades para continuar mellorando?
Dende o meu punto de vista, o principal reto é a adaptación ou incorporación de cambios á rutina profesional. Este cambios son necesarios para mellorar e para estar ao día nas actualizacións producidas no ámbito da valoración do risco e necesidades. Aínda que sexa un reto, existen multitude de oportunidades para continuar mellorando, tanto a nivel de formación mediante cursos deste tipo, como a través de toda información e recursos que se poden encontrar na páxina web.