A Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG acordou destinar o 0,7 % do seu superávit a IGAXES, entidade social centrada no futuro da infancia e da xuventude en situación de risco, decisión aprobada na súa xuntanza ordinaria do 26 de marzo.
IGAXES traballa na protección de nenos, nenas e adolescentes en risco de exclusión social, desenvolvendo diferentes programas baseados en tres piares fundamentais: a garantía dunha infancia segura, o dereito á educación e o dereito ao emprego. Entre as súas iniciativas destaca o programa “Mentor”, orientado a acompañar e guiar a menores tutelados, facilitando así a súa inclusión social e laboral.
A organización ten como misión que ningún menor teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobreza ou exclusión social, unha realidade que afecta a milleiros de persoas en Galicia. Neste sentido, IGAXES leva máis de dúas décadas traballando polos dereitos da infancia e da xuventude, ofrecendo apoio integral desde a infancia ata a vida adulta e promovendo oportunidades reais para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
