Con motivo do 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) xunto co Consejo General de la Psicología (COP) poñemos o foco na importancia de promover contornas de traballo psicosociais saudables, un camiño cara a persoas traballadoras realizadas e organizacións máis fortes e competitivas.
Baixo o lema «Contornas de traballo psicosociais saudables: un camiño cara a traballadores realizados e organizacións fortes», salientamos que o benestar psicolóxico no traballo constitúe unha peza clave para o rendemento, a sustentabilidade e o desenvolvemento das organizacións.
A Psicoloxía do Traballo, como disciplina especializada, contribúe de maneira estratéxica á construción de organizacións saudables apoiándose en principios fundamentais como:
- A saúde psicosocial como base do rendemento laboral.
- A creación de contornas saudables a partir de decisións baseadas en evidencia científica.
- A transformación dos riscos psicosociais en oportunidades de mellora organizacional.
- A avaliación, intervención e coidado como eixes clave da acción profesional.
- A concepción do emprego como un espazo de desenvolvemento persoal e profesional.
- A promoción de espazos saudables que incrementen o compromiso, a satisfacción e o rendemento.
- A construción de organizacións fortes a partir de contribucións laborais con significado.
No marco desta celebración, desde o COPG lembramos que os profesionais da Psicoloxía do Traballo son expertos no deseño de organizacións con propósito, saudables, produtivas e sostibles, nas que o benestar das persoas traballadoras ocupa un lugar central.
