Con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, que se conmemora cada 2 de maio, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia sumámonos á reivindicación dunha escola libre de violencia e condutas intimidatorias. Desde a Sección de Psicoloxía Educativa do COPG destacamos a importancia de implicar a toda a comunidade educativa —profesorado, alumnado, familias e persoal especializado— na prevención e detección temperá do acoso escolar.
Baixo o lema “Eu non acoso. Ti non acosas. Nós non acosamos. Xuntas e xuntos, facemos escola, facemos sociedade.”, facemos un chamamento colectivo a fomentar o respecto, a empatía e a convivencia, tanto nas aulas como fóra delas. Non podemos mirar para outro lado: todas e todos temos un papel fundamental para erradicar esta problemática.
A través de accións de sensibilización, formación e asesoramento, as e os profesionais da Psicoloxía Educativa traballan cada día para crear contornas escolares máis seguras, equitativas e inclusivas.