A violencia contra as mulleres é unha das máis graves vulneracións dos dereitos humanos que alimenta as raíces da desigualdade. Por iso, celebramos a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero por unanimidade de todas as forzas políticas, agás a ultradereita. O Pacto de Estado significa un compromiso esencial pola erradicación da violencia, ofrecendo un marco de acción integral sostido no tempo.
Este novo Pacto de Estado afonda nas distintas formas de violencia, como a violencia vicaria, exercida a través dos fillos e fillas co obxectivo de facer o maior dano posible á nai. Tamén se recoñece a violencia económica, definida como a acción de limitar e controlar o acceso das mulleres a recursos económicos, afectando a súa autonomía financeira e potenciando a dependencia do seu agresor. Ademais, contempla as novas formas de violencia a través das tecnoloxías da comunicación, como os deep fakes ou imaxes xeradas a través de intelixencia artificial que buscan menoscabar a integridade moral das súas vítimas. A trata e a explotación sexual tamén serán obxecto de atención neste Pacto, con servizos e programas para protexer e atender ás mulleres vítimas desta forma de violencia.
É crucial, así mesmo, a formación en materia de igualdade e perspectiva de xénero dos diferentes axentes sociais, especialmente nos servizos públicos de sanidade, educación, servizos sociais comunitarios e xustiza. O impacto da violencia contra as mulleres é amplo e con moita frecuencia, dificilmente detectable, e a súa pegada psicolóxica é profunda e duradeira. Por iso, é imprescindible que a atención realizada por profesionais da psicoloxía estea garantida nos servizos públicos, especialmente nos máis accesibles, como é a atención primaria de saúde ou nos servizos sociais, para favorecer a recuperación das persoas afectadas, romper co ciclo da violencia e fomentar unha sociedade máis libre e igualitaria.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Consejo General de la Psicología confiamos en que esta renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero sirva para reafirmar e afianzar o consenso social ao redor da igualdade e de rexeitamento ás violencias machistas, en calquera das súas manifestacións, co obxectivo de que todas as persoas poidan vivir libremente e sen sufrir discriminación.
Unhas bases que deben asentarse desde a educación, no que a psicoloxía educativa ten un papel crave para traballar os valores de igualdade e diversidade, a prevención da violencia, a resolución de conflitos e a educación afectiva e sexual. Só así, traballando desde a raíz, poderemos previr con eficacia e erradicar, de forma definitiva, a violencia de xénero, que imposibilita a igualdade real.
Bótalle un ollada ao noso vídeo reivindicativo do 8M: «Psicoloxía e feminismo: transformando realidades, conquistando dereitos».