Destacado

Declaración Institucional do COPG co motivo do día Internacional da Muller, 8 de marzo de 2024

No Día Internacional da Muller, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Consejo General de la Psicología desexamos unir a nosa voz á defensa da igualdade de xénero en todas as súas formas e manifestacións, coa convicción de que debemos fortalecer o consenso social arredor disto. Recoñecemos que a igualdade de xénero é un dereito humano fundamental e un requisito indispensable para unha sociedade xusta e equitativa. Como profesionais da psicoloxía, opoñémosnos a todas as formas de discriminación, opresión e violencia que aínda persisten no noso mundo, co compromiso de traballar incansablemente ata lograr a plena igualdade para todas as persoas, independentemente do seu xénero.

Nesta responsabilidade que asumimos desde a Psicoloxía, traballamos pola igualdade de dereitos e oportunidades en todos os ámbitos da vida, incluída a educación, o emprego, a participación política, a xustiza e o acceso á atención sanitaria, incluída a atención psicolóxica. Por iso é esencial a formación en perspectiva de xénero, para poder identificar as estruturas e sistemas que perpetúan a desigualdade e, deste xeito, a través do noso exercicio profesional, contribuír a súa finalización.

Desde o COPG expresamos a nosa solidariedade con todas as mulleres que enfrontan múltiples formas de discriminación debido ao seu xénero, raza, etnia, orientación sexual, identidade de xénero, discapacidade ou calquera outra característica. Recoñecemos a interseccionalidade das loitas pola igualdade e comprometémonos a adoptar un enfoque inclusivo que aborde as complexas interseccións de opresión e discriminación.

Non podemos deixar de denunciar a expresión máis cruenta da desigualdade que aínda existe na nosa sociedade, que é a violencia de xénero en todas as súas formas, como a violencia psicolóxica, as agresións físicas, a violencia sexual, o acoso ou a trata de persoas.

Esiximos medidas concretas para previr a Violencia de Xénero, entre elas un gran compromiso de todos os Estamentos Sociais, en especial dos responsables políticos, conducente a educar e sensibilizar á poboación en conxunto, mobilizándoa cara a unha loita permanente pola Igualdade de Xénero. Igualdade esta que debe plasmarse nun proxecto educativo que contemple os estadios evolutivos do desenvolvemento, impregnándoos de instrumentos de aprendizaxe comprensivos para cada momento, e adecuados para poñer un punto final á desigualdade entre homes e mulleres. Lograr a igualdade debe establecerse como unha meta a acadar que require a participación e apoio de todas e todos nós.

Neste Día Internacional da Muller comprometémonos a seguir traballando pola igualdade, para que cada persoa, sen importar o seu xénero, poida vivir con dignidade, liberdade e plenitude.

Spread the love