Grupos

Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Mundial en recordo das Vítimas por accidentes de tráfico

Non son números, son persoas

Desde 1993, cada terceiro domingo de novembro, conmemórase o Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico. É un acontecemento mundial relevante para lembrar aos millóns de persoas falecidas e feridas nas rúas e estradas do mundo e recoñecer o sufrimento de todas as vítimas, familias e afectados. A Psicoloxía non pode faltar NUNCA a esta cita.

Este verano morreron 14 persoas en accidentes de tráfico en Galicia, os meses de maior movemento de vehículos en todo o ano, e todas en vías interurbanas y estradas convencionais. Para o Grupo de Tráfico e da Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, é fundamental o traballo neste ámbito para tender á erradicación das vítimas de accidentes de tráfico na nosa comunidade e camiñar cara a unha mobilidade segura, para o que cómpre apostar pola prevención e a sensibilización, ámbitos propios da psicoloxía. De feito, é un importante paso que a Xunta de Galicia contase coa nosa participación dentro do novo Plan de Seguridade Viaria, que recolle a necesidade da atención integral no post-accidente; un carácter integral que debe incluír o aspecto psicolóxico e que debe estenderse no tempo todo o que sexa preciso.

No conxunto do Estado, lamentablemente as últimas cifras en sinistralidade indícannos que este verán morreron 234 persoas nas estradas españolas durante os meses de xullo e agosto, sete falecementos máis que no mesmo período do ano anterior. Tamén se produciu un incremento nos accidentes con motocicleta do 17% no primeiro semestre do 2023, comparado co mesmo período do ano pasado; pero sobre todo cómpre ter presente a petición do Ministerio Fiscal sobre a consideración dos VMP (patinetes eléctricos) como ciclomotores, baseada nos máis de 500 accidentes de patinetes só en 2023 (496 con resultado de lesións leves e 24 con lesións graves); petición que como organización profesional apoiamos no sentido de reclamar a mesma esixencia que con calquera outros usuarios e usuarias das vías, en relación a avaliar tanto o estado psicofísico como o axuste das condutas ás normas de mobilidade estipuladas.

A pesar dos obxectivos propostos sobre redución de accidentes de tráfico establecidos nos Plans e Estratexias de Seguridade viaria, aos que nos sumamos, é evidente que aínda fai falta máis concienciación e traballo na sociedade na que vivimos. Esta sensibilización debe chegar ademais a cada persoa condutora dun vehículo, e iso é o que facemos desde a PSICOLOXÍA. A nosa estratexia é traballar para conseguir un CAMBIO desde moitos aspectos psicolóxicos e ámbitos de actuación. Na nosa profesional loita contra a VIOLENCIA VIARIA, actuamos a través da PREVENCIÓN, da INTERVENCIÓN e do APOIO ás vítimas.

Para conseguilo, os e as profesionais da psicoloxía desenvolvemos a nosa actividade en:

  • Atención psicolóxica a vítimas e familiares
  • Centros de Recoñecemento
  • Cursos de Sensibilización de condutores/as
  • Programas de intervención con penados por delitos contra a Seguridade viaria
  • Programas de Educación Viaria
  • Plans estratéxicos de seguridade viaria laboral no ámbito de prevención de riscos
  • Plans de mobilidade segura, sostible, saudable e eficaz.
  • Formación de Formadores: Corpos de Seguridade, docentes, profesores de Formación Viaria etc.

Queremos estar presentes alí onde teñamos que achegar para que esta conmemoración deixe de ter sentido, pero sempre con atención psicolóxica tanto no momento do accidente/incidente como moito despois. En definitiva, o noso obxectivo final é o apoio total ás vítimas de tráfico nas súas demandas de xustiza, así como de xustiza é recibir atención psicolóxica, tanto para as propias vítimas como familiares, afectados e afectadas.

Spread the love
O COPG reclama que na atención ás vítimas se contemple tamén a psicoloxía