Grupos

Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Mundial en recordo das Vítimas por accidentes de tráfico
17 DE NOVEMBRO DIA MUNDIAL EN RECORDO DAS VÍTIMAS POR ACCIDENTES DE TRÁFICO 2024 
A Asemblea Xeral da ONU, en sesión do 26 de outubro de 2005, declarou o terceiro domingo de novembro, como Día Mundial en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico. Un ano máis desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Consejo General de la Psicología conmemoramos esta xornada lembrando ás vítimas, aos seus familiares, e aos e as afectados/as por accidentes de tráfico de España e o resto do mundo.
Neste sentido, sentimos en consonancia con afirmacións como as de David Landazábal Monja, vicepresidente da asociación Stop Accidentes, cando manifesta que “as cifras dos falecidos son frías, pero detrás quedan moitas traxedias”, ou aqueloutra de Vicente Sánchez, presidente da Asociación para a Prevención de (Accidentes) de Tráfico (P(A)T), cando afirma que “nos sinistros de tráfico todos perdemos, tanto as vítimas como os que provocan o accidente”.
Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) de xaneiro de 2024, durante o ano pasado producíronse 1.048 sinistros mortais nos que faleceron 1.145 persoas, tres menos que en 2022, e 4.495 vítimas sufriron feridas que requiriron o seu ingreso hospitalario. Aumentou a cifra de sinistros mortais rexistrados, aínda que o número de falecidos é case o mesmo. Aumentan nun 9% os falecementos no caso dos usuarios vulnerables, 463,38 máis que en 2022. Este incremento débese principalmente aos motoristas, cuxa mortalidade subiu un 19% respecto a 2022.
Nos últimos anos, doutra banda, máis da metade das mortes por accidentes de tráfico a nivel mundial corresponden aos denominados como usuarios vulnerables da vía pública: peóns, ciclistas e motociclistas.
En España, un estudo de Mapfre e CESVIMAP (2023), respecto ao uso dos vehículos de mobilidade persoal, confirma esta tendencia á alza no aumento das cifras de falecidos e lesionados neste tipo de vehículos.
Con todo, estas cifras poden previrse. O propio ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegura que “os sinistros de tráfico na súa maioría son evitables e reducir esas tráxicas cifras está nas nosas mans se todos redobramos os nosos esforzos con ese obxectivo”.
Fan falta, por tanto, máis actuacións para poñer freo a estas estadísticas que non deberían, en ningún caso, ser aceptables.
A estratexia da organización colexial vai nesa liña. Seguir traballando para conseguir un CAMBIO nos aspectos psicolóxicos relacionados coa redución da sinistralidade e os seus ámbitos de actuación. A actividade profesional que os psicólogos e as psicólogas practicamos para combater a violencia viaria e a accidentalidade, exercémola a través da Prevención, a Intervención e no Apoio ás vítimas.
Desde hai anos, os psicólogos e psicólogas da área do tráfico e a seguridade achegamos e desenvolvemos a nosa actividade profesional en:

• Atención psicolóxica a vítimas e familiares.
• Centros de Recoñecemento.
• Cursos de Sensibilización e Reeducación de condutores.
• Programas de intervención con penados por delitos contra a Seguridade viaria.
• Plans municipais e Programas de Educación Viaria, para todos os colectivos, incidindo nos máis vulnerables.
• Plans estratéxicos de seguridade viaria laboral no ámbito de prevención de riscos.
• Plans de mobilidade segura, sostible, saudable e eficaz.
• Formación de Formadores: Corpos de Seguridade, docentes, profesores de Formación e de Educación Viaria, etc.
• Intervención en campañas, xornadas de concienciación, etc.
• Colaboración coas diferentes áreas relacionadas das administracións públicas.

Desde a psicoloxía lembramos, apoiamos ás vítimas e familiares e actuamos proactivamente na prevención dos sinistros de tráfico.