Destacado

25N
Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con Motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Desde a profesión da Psicoloxía, resulta imprescindible abordar a gravísima crise humanitaria internacional que se está producindo e o seu innegable impacto psicolóxico nas persoas que a viven directamente. Este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, é obrigado que miremos con perspectiva de xénero conflitos tan graves en Palestina ou en Ucraína, nos que as mulleres, os seus fillos e fillas, sofren formas específicas de violencia que non sempre se visibilizan.

Historicamente, a violencia sexual nos conflitos utilízase como unha arma, unha estratexia de terror, que deshumaniza e degrada a mulleres e nenas; abusos que constitúen verdadeiros crimes de guerra. En moitas ocasións, utilízanse as violacións de forma sistemática, polo que é importante que se protexa especificamente as mulleres e as nenas, á vez que se ofreza a atención sanitaria, tamén psicolóxica, para afrontar estas vivencias tan duras.

Desde a II Guerra Mundial documentouse a utilización da violencia sexual para desmoralizar as tropas inimigas a través das agresións ás mulleres, aterrorizar e someter a poboación. Exemplos máis recentes son os Balcáns, Ruanda, Colombia, Nixeria, Iraq ou Myanmar. E por suposto, na Guerra Civil española tamén se ten constancia de violencia sexual.

É unha manifestación máis da desigualdade de xénero, unha forma de violencia de xénero. O recoñecemento deste tipo de vulneración dos dereitos humanos das mulleres en situacións de conflito é crucial non só para a toma de conciencia, senón tamén para que se poñan mecanismos eficaces que protexan adecuadamente a mulleres e nenas, e que ofrezan medidas de reparación e xustiza, incluídas de tipo psicolóxico.

É moi importante que nas investigacións sobre posibles crimes de guerra se contemple a violencia sexual e se atendan as necesidades das superviventes, á vez que se lle presta a atención psicolóxica para atender o trauma vivido, evitando a súa revitimización pero devolvéndolles a dignidade a través do recoñecemento.

En calquera caso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia urximos que se aposte pola cultura da paz, pola mediación nos conflitos e pola convivencia, respectando os dereitos humanos. A abordaxe das diferencias a través da guerra é un fracaso para a humanidade, e resulta absolutamente incomprensible que mulleres, homes e tantos nenos e nenas estean sufrindo unha grave crise humanitaria coma a que hoxe en día padece a Franxa de Gaza.

Finalmente, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifestamos a nosa preocupación tamén pola nosa propia contorna, nun ano no que se produciu un importante repunte nas mulleres asasinadas por violencia machista. No que va de ano, foron asasinadas polo menos 52 mulleres, (hai dous casos en investigación), e unha nena; uns crimes terribles que costaron a vida de, polo menos, 1237 mulleres desde 2003 e 49 menores desde 2013.

Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

25 de novembro de 2023

Spread the love