Destacado

Declaración institucional do Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia con motivo do 8 de marzo de 2026

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia únese á conmemoración do Día Internacional das Mulleres; unha data que convida a reflexionar sobre os avances logrados en materia de igualdade de xénero e para reivindicala como un piar innegociable da saúde mental colectiva. A Psicoloxía non é allea á estrutura social; ao contrario, é unha ferramenta clave para construír unha sociedade xusta, equitativa e plenamente libre de violencias.

Neste momento histórico, no que o consenso ao redor da igualdade entre homes e mulleres como valor irrenunciable está fracturado, é imprescindible lembrar que se trata dun principio ético esencial da profesión psicolóxica. A evidencia científica mostra que a desigualdade e a discriminación de xénero seguen tendo profundas consecuencias sobre o benestar psicolóxico, as oportunidades vitais e a participación social real de millóns de mulleres.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reafirmamos o noso compromiso coa promoción da igualdade real en todos os ámbitos da vida, xa sexa na esfera persoal, laboral ou social. Así mesmo, reclamamos o investimento en prevención e atención psicolóxica ante calquera forma de violencia contra as mulleres, especialmente a violencia de xénero. É imperativo integrar a perspectiva de xénero na investigación, a práctica profesional e a formación das e os psicólogos para ofrecer respostas que entendan e atendan a raíz do sufrimento humano abranguendo o contexto social e de xénero.

Nos últimos anos, asistimos con preocupación á expansión de discursos que utilizan, de maneira selectiva, a retórica da protección das mulleres para enmascarar axendas racistas e islamófobas. Recórrese, por exemplo, ao uso do burka ou o niqab como símbolo dunha suposta ameaza á “civilización occidental”. As iniciativas simplistas que expoñen a prohibición xeral de determinadas pezas supostamente en nome da dignidade e seguridade das mulleres, lonxe de reforzar os seus dereitos, poden xerar maior estigmatización, exclusión social e vulneración de liberdades fundamentais.

Resulta alarmante que quen di defender ás mulleres sexan, ao mesmo tempo, actores clave no cuestionamiento e negación da violencia de xénero, que se opuxeron ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e promoveron discursos que equipasen a violencia machista con outras violencias, diluíndo a súa raíz estrutural e as súas dimensións específicas.

A negación do carácter estrutural desta violencia e a desigualdade entre homes e mulleres, cuestionando as políticas públicas de prevención, protección e reparación, supón un grave retroceso en dereitos humanos e unha ameaza para a seguridade e o benestar psicolóxico das mulleres. Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reafirmamos a necesidade de políticas integrais e sostidas no tempo para promover a igualdade, empezando pola prevención en todas as etapas educativas, a través da incorporación da figura da psicóloga ou psicólogo educativo no noso sistema de ensino.

Este 8 de marzo de 2026, desde o Colexio de Oficial de Psicoloxía de Galicia facemos un chamamento á sociedade e ás institucións para blindar os avances logrados e para seguir traballando de forma coordinada cara a unha cultura de igualdade e respecto, libre de todo tipo de violencia e discriminación.

Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia