Destacado

GIPCE
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia súmase á campaña da OMS polo Día Mundial da Saúde Mental 2025: “A Saúde Mental nas emerxencias humanitarias”

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere destacar a importancia da saúde mental como parte fundamental do benestar humano e súmase á campaña da Organización Mundial da Saúde (OMS) con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Este ano, a campaña céntrase na atención ás necesidades de saúde mental e apoio psicosocial das persoas afectadas por emerxencias humanitarias.

O padecemento de conflitos, desastres naturais e emerxencias de carácter sanitario pode aumentar a sensación de vulnerabilidade das persoas que viven estas experiencias, así como o risco de sufrir un trastorno mental. Apoiar o benestar emocional durante estas crises non é só importante, senón vital: axuda a afrontar as dificultades, proporciona espazo para curar, recuperar e reconstruír tanto a nivel individual como comunitario.

Aínda que debemos lembrar que a propia comunidade ten habitualmente recursos suficientes para afrontar a maioría das situacións de emerxencia, en ocasións estas poden desbordar temporalmente os recursos propios. Será nestes casos nos que unha intervención psicolóxica rápida, cautelosa e centrada no psicosocial pode favorecer a recuperación, reparación e continuidade da propia comunidade.

O papel esencial do GIPCE

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) desempeña un papel fundamental nestas situacións. Constituído por psicólogos e psicólogas colexiados especializados na atención psicolóxica en situacións extremas, o GIPCE forma parte do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e conta cun convenio en vigor coa Xunta de Galicia desde 1997. A súa traxectoria consolidada avala a súa capacidade para ofrecer apoio psicosocial inmediato e continuo durante emerxencias, desastres naturais ou crises humanitarias, garantindo unha intervención profesional e baseada na evidencia.

O Colexio considera esencial que todas as institucións, profesionais sanitarios, educativos e sociais, así como os grupos comunitarios, colaboren para garantir que as persoas máis vulnerables teñan acceso ao apoio necesario, protexendo á vez a saúde mental de todos. Ademais, fomentar intervencións baseadas na evidencia e na comunidade permite abordar necesidades inmediatas, favorecer a recuperación a longo prazo e empoderar a persoas e comunidades.

Emerxencias recentes: retos para a saúde mental

Nos últimos meses, Galicia e outras rexións do norte de España foron gravemente afectadas por incendios forestais sen precedentes. En agosto de 2025, rexistráronse grandes incendios en León e Galicia, queimando miles de hectáreas e obrigando a evacuación de miles de persoas.

Esta situación xerou unha crise humanitaria local que podería ter efectos adversos sobre á saúde mental da poboación.  Ademais das obvias necesarias intervencións sobre as necesidades materiais (alimentación, teito, coidados físicos, …), cómpre garantir a dispoñibilidade de atención psicolóxica e psicosocial para aquelas persoas que o puidesen precisar, tanto nun primeiro momento como a medio prazo.

A crise en Gaza

A nivel internacional, o conflito en Gaza continúa sendo unha das maiores crises humanitarias actuais. Desde outubro de 2023, a rexión sofre unha guerra devastadora que constitúe un acto de xenocidio.

A destrución masiva de infraestruturas, a perda de vidas humanas e o desprazamento forzoso de millóns de persoas teñen un impacto directo na saúde mental da poboación afectada. O apoio psicosocial é esencial para axudar ás persoas a afrontar esta situación e reconstruír as súas vidas.

Compromiso co apoio psicosocial

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia volvemos a realizar neste Día Mundial da Saúde Mental un chamamento ao mantemento da implicación de tódolos axentes na promoción e defensa da atención á saúde mental. Se isto é necesario sempre, aínda o é máis nos momentos de crise.

Unha resposta en situación de urxencia cando esta se produce, esixe da existencia duns recursos humanos e materiais, dunha planificación organizada e dunha coordinación preexistente e coidadosamente deseñada. A improvisación non é unha posibilidade.

A colaboración entre institucións, profesionais e comunidade é fundamental para garantir a resposta axeitada á situación de emerxencia que promova ao acompañamento que cada persoa, grupo e comunidade precisa nas súas circunstancias concretas. Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia pedimos ás institucións que garantan tamén o coidado da saúde mental despois da emerxencia; a través da atención primaria, dos centros educativos e dos concellos.

No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estamos decididos a continuar participando activamente neste sentido. Porque non hai saúde sen saúde mental.