A Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), tras as informacións publicadas recentemente sobre a difusión de varias prazas a través de redes sociais no marco da incorporación de profesionais de psicoloxía clínica nos centros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), considera que se trata dun feito particular e que o procedemento de cobertura das prazas se está desenvolvendo con normalidade, seguindo os procedementos establecidos, segundo a información da que ten coñecemento.

As 21 prazas previstas nesta primeira fase foron cubertas a través das listas de contratación do SERGAS, conforme aos mecanismos habituais. Na área sanitaria de Ourense debe continuar seguindo o procedemento ordinario e, no caso de esgotarse a lista dunha área sanitaria concreta, existen especialistas dispoñibles nas listas doutras áreas, polo que a administración debe continuar realizando chamamentos a partir delas.

Desde a Xunta Directiva da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG considérase positivo que a Xunta de Galicia estea cumprindo cos compromisos adquiridos en materia de incorporación de psicoloxía clínica á atención primaria e que as contratacións se estean realizando dentro dos prazos anunciados. Así mesmo, agárdase que esta primeira fase de implantación da atención psicolóxica nos centros de saúde se desenvolva do mellor xeito posible e sente as bases para unha extensión progresiva do servizo, xa que o goberno galego contempla alcanzar un total de 50 profesionais de psicoloxía clínica en atención primaria no ano 2030.