Seccións

Comezo do novo curso escolar
Aula

Proximamente terá lugar o comezo do novo curso escolar 2023-24. Cada novo curso, tanto para os rapaces e as rapazas como para os pais e nais, adoita supoñer novas motivacións e intereses, pero tamén novos retos e ás veces, dificultades. Por iso, dende a Sección de Psicoloxía Educativa do COPG, queremos ofrecer unha serie de suxestións de hixiene emocional dirixidas ás familias para que as sementes do novo curso, caian sobre un terreo rico e fértil:

– É importante comezar xa uns días antes do inicio das clases estipulando no fogar uns horarios estables para os almorzos, xantares, ceas e para o intre no que os fillos e fillas deban irse para cama, achegando ditos horarios, progresivamente, aos que se terán cando o curso comece. Esta regularidade horaria, favorecerá asemade a regularidade nos biorritmos dos rapaces e rapazas, é dicir, a regularidade no apetito, no sono, no estado de ánimo, etc.

– Cómpre tamén dedicar un tempo para falar cos fillos e fillas sobre como se van organizar unha vez que empece o curso, é dicir, aspectos como hora de deitarse e erguerse, períodos de tempo que va estar dedicados aos deberes e os estudos, tempos dedicados ao xogo e posibles actividades extraescolares ás que asistirán. Isto transmitiralles predecibilidade, o cal xera neles e nelas seguridade e confianza e propicia que estean receptivos e receptivas.

– É fundamental abordar cos fillos e as fillas conceptos como a asertividade e a comunicación, xa que estes facilitarán que teñan relacións saudables tanto cos seus iguais como cos adultos cos que interactúan. Un bo xeito sería aproveitar situacións cotiás (viaxes, intres con amigos/as, películas, lecturas, etc) para practicar o feito de dicir non sen temor ao rexeitamento ou ao ridículo, transmitindo que as preferencias de cada un son igual de importantes que as dos demais e nunca están na obriga de facer ou de participar en cousas que non lles apetecen nin agradan. Entroncando con isto, sería tamén moi positivo comentarlles que si se atopan nalgunha situación hostil dentro ou fóra do centro escolar, o mellor que poden facer e contarlla a un adulto da súa confianza, así axudaremos a previr situacións de acoso. Este derradeiro punto ten especial importancia nos casos de rapaces e rapazas que van experimentar un cambio de ciclo ou de etapa educativa, por exemplo, a transición de Educación Infantil á Primaria, ou de Primaria á Secundaria.

Dende a Sección de Psicoloxía Educativa do COPG queremos incidir na necesidade que teñen os centros educativos de Psicólogos e Psicólogas especialistas en Psicoloxía Educativa, para coidar do benestar emocional dos e das menores.

Desexamos un  bo comezo das clases a toda a comunidade educativa!.

Spread the love
Aula