Do 7 ao 9 de novembro de 2024, celebraranse as XXIX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) baixo o título “Desafiando á historia”. Estas xornadas teñen como obxectivo central promover a reflexión sobre o uso de técnicas narrativas en psicoterapia, destacando a importancia de construír unha narrativa compartida para abordar emocións complexas, reconducir conflitos e abordar situacións de vulnerabilidade e trauma.
Os profesionais da psicoloxía reflexionarán sobre o valor das técnicas narrativas na atención a adultos con dificultades para expresar emocións, a abordaxe de experiencias psicóticas e a reconstrución da identidade tras traumas ou crises, así como o apoio á construción do vínculo na infancia e adolescencia. Tamén se analizará a importancia da narrativa en situacións de xestación en contextos vulnerables. Un dos momentos destacados das xornadas será a presentación do Anuario, a publicación científica da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG.
As xornadas comezarán este 7 de novembro cunha serie de obradoiros pre-xornadas no Museo do Viño de Galicia. O evento, ademais de fomentar o intercambio de coñecementos, pretende ser un espazo aberto e colaborativo onde os participantes poidan presentar os seus traballos científicos en formato póster ou comunicación oral.