En novembro do 2023 púxose en marcha o Proxecto Lifestrand (Life Support Training and Dissemination), financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea, co obxectivo de reforzar as capacidades en primeiros auxilios, soporte vital e atención en emerxencia prehospitalaria en comunidades civís de Ucraína e Xeorxia afectadas pola guerra e a ocupación militar. Nesta iniciativa participan dez institucións académicas e sanitarias de catro países: España, Portugal, Xeorxia e Ucraína. Representando a España participan SEMERGEN e a Facultade de Medicina da USC, quen solicitou a participación do GIPCE para formar aos futuros instructores en Primeiros Auxilios Psicolóxicos.
Desde entón, capacitáronse numerosos estudiantes universitarios e profesionais sanitarios como instructores para que os coñecementos en primeiros auxilios, soporte vital e atención prehospitalaria poidan chegar a máis cidadáns. Actualmente, miles de cidadáns de Ucraína e Xeorxia xa foron formados en actuacións básicas para salvar vidas en situacións de emerxencia. Entre as actividades que se están levando a cabo destacan a organización de obradoiros prácticos en centros educativos, bibliotecas e espazos comunitarios de distintas localidades de Xeorxia.
A pesar de que o proxecto conclúe formalmente en decembro do 2026, neste mes de xuño celebrouse a xornada de clausura deste proxecto en Batumi (Xeorxia), ao que asistiron en representación do GIPCE a coordinadora, Ana Mª Núñez Rubines, e a integrante da Comisión Coordinadora Mª Carmen González Hermo. Nestas xornadas celebradas entre os días 15 e 18 de xuño fíxose unha exposición exhaustiva do alcance que está tendo o proxecto Lifestrand, que, neste momento, están capacitando a máis de 7.200 representantes de comunidades situadas en zonas de risco, así como das conclusións e das propostas de futuro.










