Grupos

Ana Núñez: “Os fitos na historia da psicoloxía de emerxencias foron marcando un camiño que nos obriga a seguir formándonos”

A psicóloga Ana Núñez Rubines incorporouse ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no ano 2004 e desde o 2019, é a súa coordinadora. Cunha longa traxectoria tanto nas intervencións como na xestión do GIPCE, agora asume o reto do primeiro Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias e Catástrofes “Sostendo emocións na Emerxencia”, no que preside o seu Comité Organizador.

Este día 20 de abril remata o prazo de inscrición para o que quedan as últimas prazas. Falamos con Ana Núñez para coñecer mellor o que nos espera neste encontro.

Por Valentina Araoz.

Que temática marca o programa xeral do I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias “Sostendo as emocións na emerxencia”?

Imos abordar todos os temas que entran dentro dunha emerxencia, con relatoras que falarán de violencia de xénero, de accidentes de tráfico, de grandes emerxencias, de terrorismo ou de conflitos armados. Hai un amplo número de campos que entran dentro da psicoloxía de emerxencias, xa que é moi extensa e entran moitísimas situacións moi diversas entre si.

 

Por que cres que é importante facer un congreso sobre este tema?

Ana Mª Núñez Rubines

En primeiro lugar, para difundir todo o traballo que estamos a facer a nivel estatal sobre este tema. Temos moitísimos profesionais e moi bos que traballan en psicoloxía de emerxencias e que non se está dando a coñecer o que fan. De feito, é un campo que mesmo en investigación hai moi pouca información e creo que queda bastante por explotar. Nós imos empezar a darlle divulgación e visibilidade, que a xente saiba todo o que estamos a traballar, o que se está facendo e, desde logo, formar tamén ás seguintes xeracións,  senón seguir transmitindo o coñecemento para formalos e que poidan integrarse dentro dos nosos grupos.

 

Como xurdiu a iniciativa?

Foi unha das primeiras ideas que xurdiu cando eu entrei como coordinadora. Queriamos innovar e gustásenos levala a cabo antes, o que pasa é que nos foi imposible pola pandemia de COVID 19. Este ano, por fin, despois de catro anos madurando a idea, conseguímolo.

 

A quen está destinado principalmente?

En xeral, está destinado á sociedade, pero tamén dentro de nós propiamente, xa que hai bastantes diferenzas entre as Comunidades Autónomas. Cada comunidade ten o seu equipo de emerxencias e é bo que entre nós haxa ese coñecemento de que traballo fai cada un dos grupos. Á parte de intervir en emerxencias, moitos estamos a formar a outros profesionais ou hai quen ten convenios con determinados colectivos profesionais, uns con bombeiros, outros con policías… Entón, saber que é o que se está facendo dentro de cada grupo tamén nos abre portas aos demais para poder axudarnos os uns aos outros.

 

Hai moita diferenza entre unhas Comunidades Autónomas e outras na maneira de tratar a psicoloxía de emerxencias?

O que pasa é que están en situacións moi diferentes. Por exemplo, nós temos un convenio coa Xunta e co 112, entón temos todo moi ben articulado, pero hai comunidades onde non o teñen así. Son intervencións voluntarias, así que, que uns profesionais formados, que están continuamente reciclándose, que estean a traballar como voluntarios, tampouco é a mellor situación para a nosa profesión.

 

Visita de membros do GIPCE ao 112 Galicia

Visita de membros do GIPCE ao 112 Galicia

Que obxectivos se perseguen con este congreso?

Principalmente, queremos chegar aos profesionais e ás novas promocións, para así darlle divulgación e que a poboación tamén saiba que existimos e que estamos por toda España. Ademais de saber como se nos activa, xa que ás veces a xente si sabe da nosa existencia, pero non como chegar a nós ou en que situacións intervimos.

 

Que é necesario para intervir no GIPCE e actuar nas emerxencias?

Para entrar nos grupos de intervención non basta só con ter o título do Grao en Psicoloxía. É necesario ter unha formación complementaria que vai desde duelo, trauma, comunicación de malas noticias, intervención en crise, plans de emerxencia… Coñecementos que realmente son específicos desta área e que durante a carreira non se dan. Tamén se require experiencia profesional, non necesariamente no ámbito, pero si polo menos como psicólogo.

 

Como abordará o congreso os desenvolvementos máis recentes no campo da psicoloxía de emerxencias?

Eu creo que a psicoloxía de emerxencias foise creando a través de fitos da historia que foron marcando, que á poboación hai que darlle algo máis que dicirlles “calma, isto está controlado”. Unha simple mensaxe de tranquilidade é insuficiente. Había que proporcionarlles outro tipo de apoio. Estou a falar, por exemplo, do terremoto de Lorca, o 11 M en Madrid, o Alvia… Hai unha chea de fitos na historia da psicoloxía de emerxencias en España que foron marcando ese camiño a todos os psicólogos de emerxencias, un sinal de que nisto tamén nos temos que formar.

En canto ás innovacións, eu creo que si, que se van a ofrecer puntos de vista novos no sentido de investigación en emerxencias, xa que como dicía antes, hai moi pouca. Hai temas que non se abordan en todo o Estado e se cadra faise un intercambio de ideas e deléganse noutros grupos. Que teñamos esa visión doutros grupos que traballan noutras zonas vai ser moi interesante.

 

Na actualidade, cales cres que son os desafíos principais da psicoloxía emerxencias?

Penso que o desafío principal é darlle o lugar que se merece no ámbito estatal, que sexa un traballo remunerado e recoñecido, non só pola poboación, senón tamén pola administración, que realmente nos vexan como profesionais e non como voluntarios. Por outra banda, os desafíos que nos pon xa de seu o termo emerxencia, porque cada unha é diferente ao anterior. Non hai dúas emerxencias iguais, todas teñen as súas complicacións e as súas singularidades.

 

Como explicaría o papel da psicoloxía de emerxencias en situacións de crises?

Eu creo que ten un papel moi importante á hora de realmente axudar a todos os afectados a reencamiñar a súa vida de novo. Hai situacións de crises que cando aparece é como que nese momento se desmorona toda a nosa vida. É dicir, eu hoxe teño moi claro o que vou facer esta tarde. Teño moi claro cal é a miña axenda para mañá, a de pasadomañá, incluso a desta fin de semana. Pero no momento no que vivimos unha crise, sexa un accidente de tráfico, sexa unha inundación, sexa a perda de alguén próximo… Nese momento o mundo se nos desmorona e é como que a nosa axenda desaparece. Estamos como perdidos no mundo e aí é cando os psicólogos de emerxencia axudamos. O mundo está a cambiar constantemente e esa situación de crise provocou cambios na túa vida e vas ter que adaptarte a ela. Iso implica volver construír de novo, aí é onde nós temos un papel moi importante.

 

Nunha emerxencia, que significa contar con este tipo de formación especializada?

Nunha situación de emerxencia cada profesional ten o seu papel e todos somos importantes. A saúde mental é asunto noso e, por suposto, tamén é necesaria certa formación, porque non é unha terapia como a que facemos en consulta. Temos que ter coidado á hora de manexalo e contar con certos coñecementos para non provocar un dano maior a esa persoa. Hai que ter esa sensibilidade e esa formación que nos axude a axudar.

 

Ana Núñez Rubines

Ana Núñez Rubines, coordinadora do GIPCE

A nivel persoal, cal foi a situación na que tiveses que intervir que máis che marcou?

Diría que a primeira. A primeira vez de calquera cousa que fagamos sempre é a que nos colle con menos experiencia, loxicamente e, en xeral, adoita ser a que máis nos custa. Á parte, foi unha situación complicada, moitos días intensos e involucrámonos todos moitísimo. Sempre hai unha chea de situacións que non esqueces pola dureza do que sucedeu, pero quizá a primeira é a que marca un pouquiño máis a todo o mundo.

 

Como esperas que evolucione a psicoloxía de emerxencias nos próximos anos?

Gustaríame que evolucionase cara a un maior recoñecemento social, que teña un papel importante dentro do ámbito das emerxencias e da psicoloxía. Que empezo a haber máis investigación, máis visibilización, que se empezo a divulgar moito máis o traballo que estamos a facer.

Por outra banda, tamén me gustaría engadir que é verdade que os psicólogos temos ese perfil de certa discreción: moitas veces gústanos axudar na sombra e ir en certo xeito camuflados para preservar a intimidade dos afectados.

Spread the love