Destacado

Ana Isabel Martínez Arranz, distinguida como «Profesional Colexiada 2023» por Unión Profesional de Galicia

A colexiada Ana Isabel Martínez Arranz recibiu este venres 10 de maio a distinción como Profesional Colexiada de 2023, que entrega Unión Profesional de Galicia, asociación da que o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia forma parte. No evento, celebrado no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, recibiron este recoñecemento un total de 20 profesionais vinculados a 20 profesións diferentes, que destaca “a excelencia dos profesionais colexiados/as que exercen a súa profesión en Galicia ao servizo da sociedade galega”.

Foto de familia dos e das profesionais premiadas (imaxe: Unión Profesional de Galicia)

A psicóloga Ana Isabel Martínez Arranz, coordinadora do Grupo de Intevención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coordinadora de asistencia psicolóxica aos feridos do accidente ferroviario de Angrois e aos familiares das vítimas da traxedia, falou en nome dos 20 galardoados. E aproveitou a oportunidade para “reivindicar ou papel dous Colexios como recurso ao servizo da comunidade; colexios que tecen redes e contribúen de forma activa a construír non só a unha profesión mellor, senón a unha sociedade mellor”. Ao seu xuízo, “deben ser referentes de coidade mutuo e velar pola prestación dun servizo de calidade, como garante de boa práctica fronte ao intrusismo profesional e como unha acción de coidado cara á sociedade”.

Ana Isabel Martínez Arranz ao longo da súa traxectoria profesional ten exercido un importante papel no desenvolvemento da psicoloxía nas emerxencias en Galicia, coordinando o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que presta atención psicolóxica nas situacións de catástrofe grazas ao convenio coa Xunta de Galicia. Foi a súa coordinadora entre 2006 e 2019, período no que se produciu un importante salto na accesibilidade á atención psicolóxica nas situacións de emerxencia, así como na garantía da profesionalidade e da excelencia na intervención. Ademais, xestionou os dispositivos de atención psicolóxica de importantes situacións de emerxencia, como o accidente do tren Alvia do 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela.

As súas responsabilidades máis recentes no COPG foron dobres: formou parte da Xunta de Goberno do COPG, onde exerceu a responsabilidade de Secretaría, e tamén impulsou a Comisión de Autocoidado do COPG, nacida no ano 2020 no contexto da pandemia pola Covid-19, como unha acción de autocoidado e coidado mutuo, a través dun espazo aberto a toda a comunidade que pretendía expandir unha rede amable e sostible, coa intención de espertar a consciencia do autocoidado compasivo e velar polo ben común, para contribuír a cultivar o benestar.

Na actualidade exerce na práctica privada como psicóloga sanitaria.

Na entrega dos Galardóns Profesional Colexiado 2023 participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a alcaldesa accidental de Santiago, María Rozas; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo Pouso, en quen delegou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao acto acudiron 250 persoas, entre os que estaban os representantes dos colexios integrados en Unión Profesional de Galicia, entidade que preside Antonio Macho Senra, quen exerceu de anfitrión. Así mesmo, estivo tamén o reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; o secretario de Goberno do TSXG, Juan José Martín; o presidente do Consello Social de UVigo, Ernesto Pedrosa; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Anibal Pereira; o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; e o ex presidente de Unión Profesional de Galicia, José María Lanzo.

Tamén recibiu a Distinción 2024 de Unión Profesional de Galicia o médico Míguel Carrero López, primeiro presidente de Unión Profesional de Galicia e actual presidente de Previsión Sanitaria Nacional (PSN).

Spread the love